Bardi
Familia de mercadores, logo magnates, de Florencia. Os seus membros, a partir de Bartolo Bardi , cónsul en Calimala e un dos primeiros priores de Florencia (1282), morto no 1310, ocuparon cargos no Goberno da cidade. A súa compañía mercantil e bancaria foi unha das máis importantes de Europa dende mediados do s XIII ata a metade do XIV. Encargouse de transferir os dezmos papais de todo o mundo a Roma ou a Aviñón. Concedeu cuantiosos empréstitos aos reis de Nápoles, de Francia e de Inglaterra. Non obstante , os inxentes investimentos que tiveron que facer nas guerras de Florencia contra Verona e Pisa arruináronos (1345). FiIippo e Ridolfo Bardi , non obstante, organizaron unha nova compañía en Inglaterra, cara ao 1357, que comerciou especialmente con Flandres.