Barlach, Ernst

Barlach, Ernst

Escultor, ilustrador e escritor alemán. Estableceuse en Güstrow en 1910. A súa escultura inspirouse en tipos populares e na imaxinería medieval, especialmente a románica. Para a valoración das formas relacionouse coas investigacións cubistas. Participou da corrente e da concepción plástica e ideolóxica do Expresionismo alemán. As súas imaxes son sempre tensas e dramáticas. Na súa produción escrita, novela e sobre todo teatro, revelou a súa preocupación pola soidade e as miserias humanas fronte ao absoluto e a contraposición dos valores espirituais con respecto aos materiais. Durante a República de Weimar realizou monumentos conmemorativos da Primeira Guerra Mundial; o realizado para a catedral de Güstrow foi destruído polo réxime nazi ao ser considerada a súa arte como dexenerada. Á súa morte, o seu taller de Güstrow converteuse en museo. En Hamburgo existe outro museo dedicado á súa obra. Publicou en 1928 a súa autobiografía.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Wedel, Holstein

  • Deceso

    Lugar : Rostock, Mecklemburg