Barqueiro, ría do
Ría do litoral cantábrico, na desembocadura do río Sor, delimitada na súa beira occidental polo cabo de Bares e na oriental pola punta Cameiro e a illa Coelleira. A ría, aberta sobre un contexto tectónico moi fracturado e litoloxicamente diverso (granitos, granodioritas, ollo de sapo, seixo, cuarcitas, filitas, etc), delimita as comarcas de Ortegal (ó O) e da Mariña Occidental (ó L), e os seus respectivos concellos de Mañón e do Vicedo. As marismas do fondo da ría (o esteiro do Sor) esténdense dende o Porto do Barqueiro, na parroquia de Mogor (concello de Mañón), ata a Ermida da Nosa Señora da Pastoriza, na parroquia das Ribeiras do Sor (Mañón). Cun litoral recortado, destacan as praias de Area Longa, do Fomento, do Vicedo e de Xiloi, no concello do Vicedo, e a de Bares, no de Mañón. Nas marismas está a principal illa (á parte da Coelleira), a Ínsua de San Martiño, no territorio do Vicedo.