Barreira
-
[ONOM]
Barreiro.
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe orixinaria de Portugal. Establecéronse en Valga, Navia de Suarna, Verín, Arzúa, Lulle (Samos), Oza (Teo) e Cospeito. Unha rama pasou mesmo a América. Este apelido pode aparecer tamén nos tratados heráldicos coas formas castelás Barrera ou La Barrera. As súas armas levan escudo partido: primeira partición, en campo de ouro, cunha banda de sable, acompañada de dúas veneras de azul, unha arriba e outra abaixo; segunda partición, en campo de goles, cun castelo de prata e encima de cada torre unha estrela de ouro. Outros ostentan escudo partido: primeira partición, en campo de goles, cunha banda de ouro, acompañada de dúas veneras de prata, unha na parte superior e outra na inferior; segunda partición, en campo de prata, cun castelo de pedra, un home armado na súa porta e unha estrela de azul enriba de cada torre do castelo. Tamén se lle atribúe un escudo acuartelado: primeiro cuartel, de prata, cun castelo de pedra e diante da súa porta un cabaleiro armado cunha lanza na man; segundo, de prata, cunha árbore de sinople e, pendurando das súas ramas por unha cadea de sable, un caldeiro da mesma cor; terceiro, de prata, cunha banda de goles acompañada de tres veneras ao natural, dúas arriba e unha abaixo; cuarto, de prata, cunha vaca deitada na que están cebándose catro lobos, todo da súa cor natural. Outra variante trae escudo cortado: primeiro cuartel, en campo de prata, cunha aguia parada ao natural; segundo, en campo de prata, con tres faixas de goles; terceiro, en campo de prata, con tres faixas de goles (ou de sinople). Para os Barreto galegos reséñanse outros dous escudos. Un leva escudo partido: primeira partición, en campo de ouro, con dous paos nodosos de goles; segunda partición, en campo de prata, cun cabaleiro ben armado cunha macheta de ferro na súa man destra e embrazado un escudo na sinistra; bordo de prata con cinco escudiños de azul, cargado cada un de cinco besantes de prata, postos en aspa, que son as quinas de Portugal. Outro escudo ostenta, en campo de prata, seis armiños de sable postos en dous paos, de tres cada un.