Barreiro
(
-
[ONOM]
Apelido de orixe toponímica. Trátase dun derivado de barro
-
[HIST/HERÁLD]
Liñaxe procedente de Portugal que se estableceu en Valga e Navia de Suarna, de onde algúns pasaron a Guayaquil (Ecuador). Os Barreiro de Galicia trasladáronse ao Nuevo Reino de Granada e ao Ecuador. As armas desta caste levan escudo partido: primeira partición, en campo de ouro, cunha banda de sable, acompañada de dúas veneras de azul, unha arriba e outra abaixo; segunda partición, en campo de goles, cun castelo de prata e, enriba de cada torre, unha estrela de ouro. Algunha variante trae, en campo de prata, tres faixas de goles. Outra variante ostenta, escudo cortado: no baixo estas armas e, no alto, unha aguia adestrada e pousada en campo de prata. Algúns levan escudo partido: primeira partición, de goles, cunha banda de ouro acompañada de dúas veneras de prata; segunda partición, de prata, cunha torre da súa cor superada cada unha das súas tres torres por unha estrela de azul cun guerreiro armado e empuñando unha espada na súa destra, diante da porta do castelo. Outros traen escudo acuartelado: primeiro cuartel, de prata, cun castelo ao natural e un cabaleiro armado na porta; segundo cuartel, de prata, cunha árbore de sinople da que pendura no flanco destro unha caldeira de sable; terceiro cuartel, en campo de prata, unha banda de goles acompañada de dúas veneras en xefe e unha en punta; cuarto cuartel, en campo de prata, cun touro devorado por dous cans.