Barreiro Fernández, Xosé Ramón
Historiador. Catedrático de Historia Contemporánea de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Dereito Canónico pola Universidade Gregoriana de Roma. Ademais, realizou estudos de Economía, Teoloxía e Filosofía e Letras. Centrou a súa investigación na historia contemporánea de Galicia, tanto dende unha perspectiva económica como política e xurídica, aínda que se especializou nestes últimos eidos. Ao longo da súa traxectoria profesional, estudou o enfrontamento entre os liberais e os absolutistas no primeiro terzo do s XIX, o levantamento progresista de 1846, as ideas ilustradas e a súa influencia na construción do galeguismo e no reformismo universitario, a política relixiosa no s XIX e diferentes movementos políticos como o galeguismo e o federalismo. É autor de numerosas historias de Galicia: Galaxia (1979), Gamma (1982-1984) e Hércules (1991-1993). A súa tese de doutoramento versou sobre El campesino gallego en el siglo XIX: economía y sociedad. Entre outras obras monográficas é autor de: Los gallegos (1976 e 1984), El carlismo gallego (1976), El levantamiento de 1846 y el regionalismo gallego (1977 e 1979), Liberales y absolutistas en la historia de Galicia. 1808-1833 (1982), De Rosalía a Castelao. Galicia 1837-1950 (1985), Historia de la ciudad de La Coruña (1986 e 1996), Historia de la imprenta en Galicia (1991) e Manuel Murguía (2000). Ademais, dirixiu e colaborou en obras como El Pórtico de la Gloria (1965), El trabajo manual del Clero (1967) ou A parroquia hoxe (1970). Así mesmo, participou en diversos congresos como relator e ditou numerosas conferencias. Director da revista Compostellanum e asesor da Enciclopedia Galega Universal. Ingresou na Real Academia Galega o 14 de febreiro de 1997 cun discurso titulado O liberalismo coruñés, a segunda xeración (1823-1846), institución da que foi presidente entre 2001 e 2009. Ademais, é membro do Centro de Estudios Xacobeos, do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos, do Instituto José Cornide e do Consello da Cultura Galega. Recibiu o Premio da Crítica na modalidade de investigación no ano 1982, o Premio RNE en Galicia e a Medalla Castelao da Xunta de Galicia. Outros títulos da súa autoria son A Casa grande do Pozo, Historia social da Guerra da Independencia en Galicia ou Murguía.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santa Uxía de Ribeira