Barreiro Rivas, Xosé Luís
Profesor de Ciencia Política na Universidade de Santiago de Compostela e político. É doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid e licenciado en Filosofía e Letras polas universidades Pontificia de Comillas (Madrid) e Complutense. Entre os anos 1977 e 1989 desenvolveu unha intensa carreira política que o levou a ocupar os cargos de vicepresidente da Xunta de Galicia baixo as presidencias de Fernández Albor (1983-1986) e González Laxe (1987-1988) e de conselleiro da Presidencia (1982-1986). Foi deputado no Parlamento de Galicia nas dúas primeiras lexislaturas (1981-1989), onde desempeñou o cargo de voceiro parlamentario do Grupo Popular, e representou a Galicia na Asemblea de Poderes Rexionais e Locais do Parlamento Europeo. Logo de ostentar distintos cargos en Alianza Popular na provincia de Pontevedra, ocupou a Secretaría Xeral de Alianza Popular-Partido Popular (1984-1986) e a Secretaría Xeral de Coalición Galega (1988-1989). Como Secretario Xeral de AP Galicia, foi o primeiro asinante do pacto de coalición (eleccións autonómicas de 1985) que, estendido posteriormente a todo o ámbito estatal, deu orixe ao PP. Da súa xestión no goberno galego cómpre destacar a creación da Radio e da Televisión de Galicia (1985), a organización da Administración Autonómica e a instalación dos Servizos Centrais da Xunta en San Caetano. Así mesmo, o seu papel foi decisivo na redacción da Lei de Política Lingüística. A súa carreira política ten un fito fundamental nas ‘Conversas do Hostal’, ás que acudiu en representación do seu partido, logo de ter impulsado de forma decisiva a proposta negociadora que xurdira da ‘Declaración de Cambados’. Decidido impulsor e teórico da corrente galeguista que animou a política de AP nos primeiros anos da autonomía, foise afastando progresivamente das posicións inmobilistas de Fernández Albor e do modelo de partido localista impulsado polos ‘baróns’ provinciais do partido, feitos que o levaron a dimitir do goberno de Fernández Albor (30.10. 1986) e a un progresivo abandono dos seus cargos do Partido Popular, formación na que causou baixa en xuño de 1987. En setembro de 1987 avalou a moción de censura presentada polo PSOE e apoiada polo Partido Nacionalista Galego e por Coalición Galega, partido no que militaba dende o verán. O triunfo da moción de censura e o seu nomeamento como vicepresidente da Xunta tripartita, presidida por González Laxe, marcou o comezo dunha intensa campaña política na súa contra que, dirimida con amplo aparello mediático de ámbito estatal, tivo o seu referente fundamental na denuncia presentada contra el polo PP o mesmo día e á mesma hora na que interviña na moción de censura como portavoz de Coalición Galega. A polémica casación polo Tribunal Supremo da primeira sentenza -absolutoria- ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, impúxolle un afastamento temporal de cargos públicos que el converteu nun afastamento xeral da política.
É autor de Ciencia política e ética do poder (1991), Parlamento en el desierto (1993), La función política de los caminos de peregrinación en la Europa Medieval (1997), El análisis político en la prensa diaria (1998), The constrution of political space: symbolic and cosmological elements: Jerusalem and Santiago in western history (1999), A terra quere pobo (2005), As inxurias da guerra: o que Bush non sabía pero eu si (2006) e Vontade de nación, conversas con Anxo Quintana (2008).
Así mesmo, é analista político de La Voz de Galicia e do Grupo Voz. Entre outros cargos é vicedecano do Ilustre Colexio Galego de Doutores e Licenciados en Ciencias Políticas e Socioloxía, membro da Asociación Española de Ciencia Política e foi presidente da Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia entre 1987 e 1988.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Forcarei