Barreiro Vázquez, Juan Enrique
Director de cine e fotógrafo. Na primeira metade dos anos 20 desenvolveu as súas primeiras investigacións fotográficas ao redor dun novo procedemento de cine en cor, que foi finalmente patentado en 1925. Realizou ese mesmo ano en Pontevedra as primeiras demostracións públicas dun sistema que se encontraba co inconveniente da súa velocidade de proxección. É así como concibiu e realizou o documental Pontevedra, cuna de Colón (1927), onde defendía a tese da orixe pontevedresa do descubridor de América. Concibe logo un novo sistema de cor, esta vez bicromático, co que filmou unha segunda versión deste mesmo título (1930); é esta unha película lastrada polo seu exceso de rótulos explicativos, cun argumento supeditado a servir de soporte aos experimentos cromáticos do seu realizador. En 1932 constituíu co seu irmán Ramón e co pintor Ramón Peña a produtora Folk, coa que sacou adiante un noticiario cinematográfico galego que se mantivo ata 1935. Froitos desta iniciativa serán documentais como Por unha Galicia nova/Hacia una Galicia mejor (1933), apoiando o Estatuto de Autonomía de Galicia, ou El Seminario de Estudios Gallegos en Deza (1934). Detido, aínda que logo liberado, no inicio da Guerra Civil, optou por instalarse en Madrid á fin da contenda. No seu novo laboratorio fotográfico continuou coas súas investigacións sobre os procedementos de cor fílmicos, patentando o chamado Yuxtacolor e desenvolvendo as actividades na empresa Laisa. Tanto o Cinefotocolor como a imposición a nivel mundial do Eastmancolor, condenaron o proxecto ao fracaso. Concluídas as súas investigacións, retornou a Pontevedra e ao seu vello estudo fotográfico.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Castronuño, Valladolid -
Deceso
Lugar : Sanxenxo