Barreiro Vázquez, Ramón

Barreiro Vázquez, Ramón

Director e guionista, irmán do tamén realizador e fotógrafo Enrique Barreiro. Colaborou con este nas súas primeiras experiencias coa fotografía cinematográfica en cor e co documental Pontevedra, cuna de Colón. Participou tamén na fundación da produtora Folk en 1932. A produtora estivo vencellada á intelectualidade nacionalista galega do momento. Rematada esta experiencia de Folk polas desavinzas familiares e polas dificultades para impoñer os noticiarios nas salas galegas, trasladouse a Madrid en 1935. Alí estudiou música, dirixiu unha empresa de mensaxería e dedicouse á fotografía publicitaria, colaborando por exemplo coa revista Vogue. En 1936 foi contratado pola empresa CEA para realizar os documentais Jerez, El monasterio de piedra e xa en 1936, o notable e prestixioso Velázquez. Esta especialización no xénero documental continuou ao longo da Guerra Civil coa realización da curtametraxe Madrid heroico (1936), producida polo anarcosindicalista SUICEP. A súa afiliación republicana solventouna nos primeiros anos da posguerra coa publicación do libro Metralla blanca del Madrid rojo en 1939; iniciou así una breve carrera literaria (colaboracións no diario Informaciones, unha obra teatral e unha nova novela, Nosotros los hombres) que, xunto co traballo do laboratorio conxunto Laisa, serviu de preludio á súa contribución ao cine. Realizou, ademais de varios documentais artísticos (Diez minutos con Álvarez Sotomayor, Diez minutos con Benlliure, en 1944; Guitarras, Signos, en 1945, etc) e cinco longametraxes de fición, de escasa repercusión comercial. O seu debut tivo lugar con El sobrino de Buffalo Bill (1944), parodia do western, situada nun terreo fronteirizo coa literatura do absurdo que cultivaba Wenceslao Fernández Flórez. Continuou con películas como El pirata Bocanegra (1946), El otro Fu-Manchú (1946), ou Pototo, Boliche y compañía (1948), ambientada no emerxente mundo radiofónico. Só se apartou desta tendencia con Póker de ases (1947), drama de exaltación da amizade lexionaria. A excepción dunha colaboración como guionista en Torrejón City (León Klimovski, 1962), abandonou o mundo do cine para concentrarse no seu traballo como xornalista en radio, prensa e máis tarde en Televisión Española.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Pontevedra

  • Deceso

    Lugar : Madrid