Barrera Fernández, Feliciano

Barrera Fernández, Feliciano

Empresario. Doutor en Ciencias Económicas pola Universidad Complutense de Madrid. Desde 1948 desenvolveu actividades industriais como promotor de empresas: Grúbar (Madrid, 1954), empresa matriz do seu grupo; Ponteareas, empresa construtora (Madrid, 1958); Granitos de Galicia (Ponteareas, 1958); Cerámica San Julián (Madrid, 1959) e Aceros del Tea (Ponteareas, 1960). En 1965 fundou en Madrid a sociedade Mindanao, propietaria do hotel do mesmo nome. En 1965 foi nomeado conselleiro delegado da Editorial Compostela, editora de El Correo Gallego e O Correo Galego. No mesmo ano fundou a empresa Saglas, que se dedica principalmente ás obras públicas, e Candea, Industrias Plásticas. En 1969 creou Lasagra, empresa promotora de polígonos industriais e obras públicas, e en 1970 adquiriu Mugardos, empresa valenciana dedicada á transformación de madeira en aglomerados. Foi fundador, promotor e primeiro presidente (1975) do Banco Industrial del Tajo, con sede social en Toledo e oficinas en Madrid, Alcalá de Henares e Talavera de la Reina, entre outras cidades. En 1994 constituíu a sociedade Telecable Compostela, da que é presidente, coa finalidade de promocionar a televisión local en Santiago de Compostela e Radio Obradoiro. Foi o primeiro presidente do Patronato da Universidade de Santiago de Compostela e vicepresidente do Centro Galego de Madrid, ademais de ter fundado e presidido outras empresas de sectores diversos. Presidiu a empresa editorial Edicións Correo. Fillo predilecto de Ponteareas, outorgárnlle as medallas de Afonso X o Sabio, da Orde de Cisneros e da Orde de san Hermenegildo. En 1990 o concello de Santiago outorgoulle a Medalla de Ouro ao Mérito Empresarial e en 1992 a Xunta de Galicia a Medalla de Galicia. En 1997 recibiu a insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Guláns, Ponteareas

  • Falecemento

    Lugar : Madrid