Barrié, Juan Francisco

Barrié, Juan Francisco

Empresario. Con anterioridade á súa chegada á Coruña (1792), consagrouse ao comercio polo espazo dunha década na cidade de Donostia, asociado co seu curmán J. Bautista D’Abadié. O nome de Barrié, xa establecido en Galicia dende 1792, exemplifica a burguesía de orixe foránea que se estaba a instalar na Coruña neses anos. Nun comezo dedicouse, preferentemente, a introducir cereal estranxeiro no mercado local, participando mesmo no negocio dos bacallaos terranovenses. Este comercio, en época de penuria económica, deulle importantes beneficios. Pero tamén compaxinou este traballo con outras moitas actividades como: o corso marítimo, o comercio con América, a condución de negros a América, etc. Á parte desta dedicación comercial tamén se implicou en empresas fabriles (dende 1803 dirixiu a fábrica de sombreiros da Coruña), ampliando así o seu volume de negocios. Xa nos primeiros anos da súa estancia na Coruña destacou no grupo dos grandes do comercio local e tomou parte activa nas deliberacións da Xunta Xeneral de Comercio, adscrita ao Real Consulado. Representou alí o nutrido grupo de negociantes estranxeiros establecidos na cidade. Tamén foi rexidor do concello durante 1808-1809 e 1825-1829. Pola súa condición de nativo francés e por exercer cargos públicos durante o dominio napoleónico, foi acusado de afrancesado. En 1809, derrotadas as tropas francesas, Barrié e moitos outros por temor a represalias foxen e ven como os seus negocios e bens son embargados en Beneficio do Tesouro. Volveu á Coruña a finais de 1814 e coa posguerra recobrou a antiga puxanza económica, incrementou o seu patrimonio e converteuse nun dos propietarios máis ricos da cidade.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Fos, Alto Garona

  • Deceso

    Lugar : A Coruña