Barriobero Herrán, Eduardo
Avogado, político e escritor. En 1895, sendo estudante en Zaragoza, fundou a Juventud Republicana Federal, e en 1900 marchou a Madrid, onde colaborou no Heraldo de Madrid e fundou o diario ácrata El Germinal. Avogado da CNT (Confederación Nacional del Trabajo) desde 1911, foi defensor en numerosas causas de carácter político-social e estivo moi vencellado á cidade de Ourense polo seu trato con Basilio Álvarez. O abade de Beiro reclamouno en 1917, cando era deputado en Madrid pola conxunción republicano-socialista, como avogado no xuízo ao secretario do concello de Riós e ao seu fillo, acusados de asasinar a dous agrarios. Barriobero conseguiu que os caciques fosen declarados culpables. Un ano despois interveu a carón do socialista Manuel Suárez no mitin pro-amnistía a prol dos condenados pola fracasada folga insurreccional de agosto. En 1922, cando exercía como avogado do Comité Pro-Presos da CNT en Barcelona, foi o encargado de defender con éxito os agrarios xulgados polo asasinato, con raiceiras político-sociais, do alcalde de Verín, Vicente Sola. Interveu na rebelión contra Primo de Rivera denominada “la Sanjuanada” (24.6.1926) e foi deputado a Cortes Constituíntes en 1931. Durante a Guerra Civil española (1936-1939) dirixiu a Oficina Jurídica de Barcelona, que actuaba como tribunal revolucionario e fiscal xeral da República. Sobre esta época escribiu Un tribunal revolucionario. Cuenta rendida por el que fue su presidente (1937). Tamén escribiu novela (De Cánovas a Romanones, 1916; Emilio Castelar, 1930) e traduciu obras de Balzac e Hegel entre outros. Foi fusilado en 1939.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Torrecilla de Cameros, La Rioja -
Deceso
Lugar : Barcelona