Barros Pardo, Tomás

Barros Pardo, Tomás

Pintor, poeta e dramaturgo. Estudiou Maxisterio en Santiago de Compostela e, posteriormente, licenciouse en Belas Artes pola Escola Superior de Bellas Artes de San Fernando de Madrid (1957). Foi catedrático de Debuxo e Expresión Plástica na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB da Coruña (1962-1972). Membro correspondente da Real Academia Galega da Lingua (26.3.1980). Discípulo de Bello Piñeiro, parte dunha tendencia realista cara a unha pintura expresionista ao beber da obra Van Gogh ou Rouault, entre outros. Froito deste achegamento, é o reflexo na súa pintura da dor humana e a soidade en obras como El aparecido (1952) ou Autorretrato (1960). Na primeira metade da década dos sesenta, a súa obra acadou un maior formato e dinamismo con ritmos circulares e con alusións a temas e personaxes literarios e mitolóxicos (Diógenes, 1965; Prometeo encadenado 1965?), para logo iniciar un proceso de composición que o levou a traballar simultaneamente en varias obras ao mesmo tempo. Nos primeiros anos da década dos setenta a súa creación enmarcouse nun gran dramatismo, apoiándose nunha paleta de negros, azuis e cores terra (Los Fusilamientos, 1974). Aos poucos, a súa pintura volveuse máis luminosa (Claroscuro en la biblioteca, 1976; Canteros, 1978), facéndose cada vez máis abstracta (Marineros con red, 1983; Bailarinas, 1986). Entre as súas exposicións destacan as realizadas na Asociación de Artistas da Coruña (1964, 1966, 1980); Caixa de Aforros de Vigo (1970); Homenaxe a Luís Seoane (A Coruña, 1984); Antolóxica no Kiosco Alfonso (A Coruña, 1989) e Galería Sargadelos (Santiago de Compostela, 1993). No eido da literatura participou na posta en marcha das revistas de poesía Aturuxo (1952-1960) e Nordés. Colaborador en diversas revistas (Caracola, Grial, Alba, etc) e xornais (La Noche, La Voz de Galicia, etc), publicou como poeta en castelán Gárgolas (1950), El helecho en el tejado (1957), La estrella y el cocodrilo (1960), entre outras. En galego só deixou dous poemarios titulados Berro diante da morte (1963) e Abraio (1978). No eido da literatura dramática publicou O dragón (1972), O veo de maya, Cos ollos do morto e A raíña e o seu bufón, recollidas no volume Tres pezas de Teatro (1981); O home que gabeou ao cume (1984), A casa abandonada (1985) e Fausto, Margarida e Aqueloutro, publicada postumamente por Alfredo Rodríguez López-Vázquez e Aurora Marco en 1993, a que segundo os seus editores viría culminar unha traxectoria caracterizada polo expresionismo estético e pola preocupación moral e humanista. Na obra literaria de Tomás Barros, concibida e escrita con anterioridade á súa publicación, déixanse sentir as inquietudes morais e estéticas dunha xeración de creadores condenados ao silencio, por iso os protagonistas das súas pezas son homes e mulleres enfrontados diante dun futuro hostil ou imposible. A pulsión existencialista e, por veces, nihilista da existencia, presente en moitas delas, mestúrase cunha visión poética da realidade, que non se mostra con trazos lineais, senón en toda a súa complexidade. Unha maneira singular de mostrar o contraste permanente entre idealismo e realidade social. Dedicado tamén ao ensaio, tratou nos seus escritos temas relacionados coa arte e a literatura das que destacan Los procesos abstractivos del arte contemporáneo (1965) e Sobre el origen de la corteza en los astros y la orografía lunar (1973).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Toledo

  • Deceso

    Lugar : A Coruña