báscula

báscula

(< fr bascule)

  1. s f [TECNOL]

    Sistema móbil consistente nunha panca con brazos que oscilan alternativamente dun lado a outro en relación a un punto fixo de soporte.

    Confrontacións: balanza.
  2. s f [TECNOL]

    Tipo de balanza adaptada xeralmente para determinar pesos elevados. Consta dun sistema de pancas de primeiro e segundo xénero conectadas entre elas para reducir a forza producida pola masa colocada no dispositivo de recepción, de maneira que poida ser equilibrada por unha forza menor que se aplica na última panca do sistema. Os soportes das pancas están formados xeralmente por arestas de prismas triangulares, aplicadas sobre superficies planas. O sistema de indicación e de axuste está formado pola última panca, que leva un peso fixo situado nun punto do seu brazo de potencia; para os valores fraccionarios da carga hai outro peso máis pequeno que se despraza sobre o brazo.

  3. s f [TECNOL]

    Dispositivo electrónico que ten dous estados de equilibrio e que é capaz de bascular dun lado a outro, alternativamente. Tamén se denomina basculador. Se os dous estados son de equilibrio estable, trátase dunha báscula biestable, chamada tamén circuíto de Eccles-Jordan ou flip-flop, que se utiliza moito en electrónica. Distínguense catro tipos: SR, JK, D e T. A báscula SR ten dúas entradas S (set), posta en 1, e R (reset), posta en 0, e dúas saídas complementarias, Q e Ǫ constitúe unha memoria de 1 bit. Na báscula SR sincrónica hai ademais unha entrada Ck (clok) que permite sincronizar, con impulsos, R e S. A báscula JK é unha mellora da SR e ten, ademais de Ck, dúas entradas asincrónicas, Pr (preset) para poñela en 1, e Cr (clear) para poñela en 0 (borrala). O tipo JK (master-slave) consiste en dúas básculas SR en caída. A báscula D ten unha soa entrada (D), ademais da auxiliar Ck, e dúas saídas: Q e Ǫ; dá un retraso de 1 bit. A báscula T é unha JK con J e K conectadas: en cada impulso aplicado cambia de estado. O tipo T sincrónico ten, ademais, a entrada auxiliar Ck (clok). Na báscula monoestable só hai un estado estable; un sinal externo de mandato faina cambiar de estado, pero volve automaticamente á posición inicial. Se nunha báscula os dous estados son de equilibrio inestable, o dispositivo chámase multivibrador estable, e produce oscilacións sen necesidade de sinais exteriores de mando.

  4. báscula electrónica [TECNOL]

    Dispositivo para determinar a forza producida pola carga sobre o elemento receptor cando a forza actúa sobre unha ou máis células extensométricas. Utiliza o desequilibrio producido no punto de resistencia que forma a célula como a magnitude transformada da forza producida pola carga. A tensión xerada mídese cun potenciómetro electrónico graduado.

  5. s f [TECNOL]

    Máquina que se utiliza para levantar a ponte levadiza.

  6. s f [ESPECT]

    Táboa basculante utilizada polas troupes de saltadores.