Basilea
Capital do cantón de Basilea-Cidade (Basel Stadt), Suíza, (171.170 h [1998]). Esténdese polas dúas beiras do Rin preto da fronteira con Francia e Alemaña. A súa situación, ao lado da vía fluvial cara ao NO de Europa, converteuna nun importante centro de transporte e comunicacións, por onde se canalizan dende o s XIX unha gran parte das exportacións suízas. A cidade posúe un dos centros de ensino superior máis antigos do mundo, a Universidade de Basilea, fundada en 1460. Foi sede das famosas Bibelgesellschaft (1804) e Evangelische Missionsgesellschaft (1815). Entre os monumentos máis sobranceiros destacan a Catedral (edificada no s XI en estilo románico e refeita no s XIV, en gótico), o Spalentor (s XV) e a Casa da Cidade (1513). Fortificada por Valentiniano no 374, foi devastada polos hungaros (917) converténdose o señorío da cidade en episcopal. Nun principio, a burguesía mantivo unha loita permanente contra o Bispo e, máis tarde, contra os Habsburgo, ata conseguir a autonomía (1450). Durante este período acadou un grande esplendor económico e cultural, e foi centro de acción de moitos humanistas (Reuchlin, Brant, Erasmo, os Amerbach). En 1501 ingresou na Confederación Helvética, e no 1529 adoptou a Reforma protestante. No s XIX o porto sobre o Rin e o nó ferroviario establecido na cidade permitiron o desenvolvemento industrial. A Constitución do 1875 instaurou na cidade un réxime liberal que as lexislacións posteriores confirmaron. A súa tradición cultural, científica e relixiosa fixo de Basilea un centro liberal e aberto, sede de asociacións internacionais e de abondosos congresos.