Basilea, Concilio de
Decimo sétimo concilio ecuménico, convocado polo Papa Martiño V para proseguir a obra reformadora do Concilio de Constanza, resolver o problema husita e unir as igrexas latina e grega. Estivo vixente dende o 1431 ata o 1449. A inseguridade de Basilea levou ao Papa Uxío IV a suspendelo e trasladalo a Boloña, decisión que foi freada pola oposición dos padres conciliares, defensores da superioridade do Concilio sobre o Papa. Ao cabo de dous anos de loita e logo de acadar os padres de Basilea a paz cos husitas, o Santo Padre declarou lexítimo o Concilio. A radicalización da actitude reformista antipontificia dos membros do Concilio provocou un novo enfrontamento ao trasladar o Sumo Pontífice a súa celebración a Ferrara (1437). Os que permaneceron en Basilea condenaron o Papa de herexe e nomearon o último antipapa, Félix V (Amadeo VIII de Savoia). O éxito do concilio papal de Ferrara-Florencia e o achegamento dos reis ao Papa deixou sen axuda aos axuntados en Basilea, que se trasladaron a Lausana (1448) onde residía Félix V quen, coa súa abdicación, provocou a total disolución do Concilio de Basilea (1449).