basileo

basileo
s m [HIST/ADM/POLÍT]

Palabra empregada entre os antigos gregos para designar un dos principais cargos dos seus gobernos. Aparece documentada desde a época micénica, cando designaba o gobernador dunha área determinada. Ao principio da época arcaica, o basileo identificábase co Rei, pero a evolución política cara á oligarquía aristocrática fixo que o cargo quedase reducido a designar o maxistrado que se encargaba do culto dos deuses patróns da cidade. Só en Esparta se mantivo o título durante o período clásico. Durante a época helenística retomou o seu sentido de monarca, e foi usado polo Rei dos persas e por Alexandre o Grande. Posteriormente, foi atribuído aos emperadores romanos e bizantinos.