Basilicata

Basilicata

Rexión da Italia meridional, formada polas provincias de Potenza e Matera (9.992 km2; 607.853 h [1998]). A capital é Potenza. Esténdese de N a S desde o río Ofanto ata Calabria, e entre o golfo de Tarento e o golfo de Policastro. Os ríos son de carácter torrencial, destacando Bradano, Basento, Agri e Sinni. A agricultura é o principal recurso económico, cunha produción inferior ás chairas do norte, a causa do desecamento de extensas áreas de augas pantanosas litorais. A poboación de Basilicata aumentou pouco nos últimos 150 anos por mor tanto das epidemias de malaria e do cólera de finais do s XIX e principios do s XX, como da emigración, cara a América e á Italia setentrional industrializada. Formou parte do Imperio Romano; cando este declinou foi invadida polos godos, os longobardos, os bizantinos e, no s XII, polos normandos. Posteriormente, no s XV, uniuse ao Reino de Nápoles. Despois da ocupación napoleónica (1806-1815), seguiu a sorte do Reino das Dúas Sicilias ata a anexión deste ao Reino de Italia (1861).