bastidor

bastidor

(

  1. s m

    Armadura, comunmente rectangular, formada por listóns de madeira ou barras de metal para fixar as teas que se utilizan para pintar ou bordar. Os bastidores chámanse fixos cando os encaixes entre listóns están inmobilizados por cola ou cravos, e móbiles cando dispoñen dun sistema de cuñas. A partir de mediados do s XIX aparecen os bastidores universais que estandarizan unha gama de medidas de uso corrente.

  2. s m [CONSTR]

    Armadura, marco, armazón, feito con listóns, especialmente o que serve de soporte a un plafón da mesma largura e lonxitude. Colócase detrás do plafón ou entre dous plafóns e queda agachado.

    Ex: As fiestras con bastidores de madeira son as tradicionais en Galicia.

  3. s m [ESPECT]

    Cada unha das teas ou dos papeis pintados e fixados nunha armadura de madeira e listóns que se pon de lado a lado do escenario formando unha decoración teatral.

  4. s m [GRÁF]

    Estrutura que soporta mensaxes publicitarias impresas sobre papel, tea ou plástico.

  5. s m [IND]
    1. Armadura básica dalgúns vehículos automóbiles, especialmente dos camións, sobre a cal están montados o motor, a transmisión, a cabina do condutor e a caixa. O bastidor descansa sobre algúns elementos da suspensión. Un bastidor-tipo para camión consiste en dúas ramas laterais, de aceiro, de perfil en U, unidas por traveseiras de perfil en I. Os largueiros están menos separados diante e fan unha curva cara a arriba ao final. Actualmente os bastidores arrédanse da forma tipo e adáptanse ás formas dos grupos mecánicos e das carrocerías. Na maioría dos turismos, pero tamén en moitos autocares e autobuses, o bastidor foi substituído polas carrocerías e as propias estruturas.

    2. Nunha bicicleta ou motocicleta, cadro.

  6. s m [INFORM]

    Armazón dun equipo informático que acostuma levar unha placa con datos identificativos do mesmo e das súas características.

  7. s m [MAR]

    Armazón de ferro ou bronce na que se apoia o eixe da hélice do barco cando non é fixa, como ocorre con determinados buques mixtos.

  8. s m [MÚS]

    Armadura sobre a que está montada a táboa de resonancia do piano e que permite unha gran tensión das cordas. A súa orixe atribúeselle a Sébastien Érard.

  9. s m [TECNOL]

    Peza, metálica polo xeral, ríxida e resistente que serve de soporte a unha máquina.

Frases feitas

  • Entre bastidores. loc adv 1. O que se refire á organización interior das representacións teatrais e a ditos e ocorrencias particulares dos actores, á xente do teatro ou á mesma vida teatral. 2. Ás agachadas do público, tramado por unhas persoas privadamente.