Batallón Literario da Costa da Morte

Batallón Literario da Costa da Morte

Colectivo creado en 1996 e formado inicialmente por máis de trinta autores nados ou vinculados á Costa da Morte. Xurdiu co obxectivo de dar a coñecer as súas actividades e inclúe narradores, investigadores e, sobre todo, poetas. Configurado como un movemento cultural asembleario, de carácter democrático e non elitista, busca a comunicación directa cos lectores, realizando recitais en diversos espacios. A súa primeira publicación apareceu en abril de 1996, en colaboración co colectivo antimilitarista Último Reemplazo da Costa da Morte, coa edición do caderno poético As armas da soliedariedade, que recolle textos de César Carracedo, Estevo Creus, Modesto Fraga, Federico López Santalla, Xandra Tedín, Miro Villar e Rafa Villar, entre outros. O seu órgano de expresión é Feros Corvos, que ten como lema os versos de Eduardo Pondal “Feros corvos de Xallas, / que vagantes andás...” e que se distribúe de balde. En formato libro, o BLCM editou dous volumes colectivos: Nós (1997) e Mar por medio (1998). O primeiro compila textos de Marilar Aleixandre, Pilar Beiro, Concha Blanco, Fernando Cabeza Quiles, Ana Canosa Blanco, María Canosa Blanco, David Creus, Estevo Creus, Paulina Mouzo, Alexandre Nerium, Eva de la Torre, Miro Villar e Rafa Villar, entre outros autores; Mar por medio nace froito dunha viaxe de parte do colectivo a Cuba, cun prólogo de Xosé Neira Vilas e cunha escolma de trece poetas cubanos da provincia de Holguín e de trece membros do Batallón, incluíndo unha nota biobibliográfica e un poema, en edición bilingüe galego-castelán. Entre os primeiros figuran Ronel González Sánchez, George Riverón Pupo, Elena Guarch Rodríguez, Roberto Frutos Rojas, e da parte galega están Marilar Aleixandre, Estevo Creus, Modesto Fraga Moure, Mónica Góñez, Miro Villar e Rafa Villar, entre outros. Anualmente celebran un encontro de autores. En xuño de 1996, co lema “Reescrevendo a Costa da Morte”, celebrouse o I Encontro en Cee, onde corenta escritores realizaron unha análise da poesía, da narración e da investigación na zona. En xuño de 1997, Corcubión acolleu o II Encontro, baixo o epígrafe “Escrita en plural”, no que se debateron relatorios presentados por autores locais. Finalmente, en xuño de 1998, Vimianzo foi a localidade escollida para o III Encontro, desta vez co título de “Literatura, para quén?”.

Palabras veciñas

Batallón de Monforte | Batallón do Morrazo | Batallón Literario | Batallón Literario da Costa da Morte | batán | Batán | Batán, illas