batería

batería

(

  1. [BÉL]
    1. Obra de fortificación onde se aloxan diversas pezas de artillería.

    2. s f

      Unidade elemental táctica e de tiro en artillería que adoita actuar en grupo. Componse dun centenar de artilleiros e do material necesario.

  2. s f [BÉL/MAR]
    1. Nos navíos de guerra, fila de canóns que había nunha mesma cuberta.

    2. Unidade táctica de artillería naval formada normalmente por dous ou catro canóns que tiran coordinadamente, e que constitúen ao mesmo tempo unha unidade orgánica.

    3. batería flotante

      Artefacto naval de guerra, usado en moi poucas ocasións nos ss XVIII e XIX, que consistía nunha barcaza mariñeira, moi armada e moi acoirazada, coa misión de facer fogo desde o mar a obxectivos terrestres.

    4. poñer en batería

      Na artillería naval, facer saír a boca do canón pola porta, preparándoo para disparar.

  3. [MÚS]
    1. s f

      Conxunto de instrumentos de percusión (idiófonos e membranófonos) presentes nunha orquestra, nunha banda ou nun conxunto, especialmente aquel que toca un só músico nun conxunto de jazz. Comprende, en xeral, unha caixa grosa, unha caixa clara, diversos tambores e un ou máis pratos.

    2. s

      Persoa que toca a batería nun grupo musical.

  4. s f
    1.   Conxunto de cousas iguais ou homoxéneas de metal, especialmente de arame ou de cobre batido.

    2. Conxunto de recipientes e instrumentos empregados na cociña: cazos, potas, tarteiras e o resto de utensilios metálicos de distintas formas e tamaños. Tradicionalmente, e dependendo do uso, os materiais empregados na súa fabricación foron o cobre, o aluminio, o ferro e o aceiro inoxidable, xeneralizado este último porque é máis sinxelo de limpar e bastante resistente, aínda que algo pesado cando se trata de recipientes grandes. OBS: Tamén se denomina batería de cociña.

  5. [TECNOL]
    1. s f

      Conxunto de aparellos, máquinas, dispositivos e similares, dispostos un ao lado doutro e xeralmente conectados de maneira que se sumen as súas accións.

      Ex: A batería de luces do teatro da vila estragouse e non houbo representación.

    2. batería de acumuladores/batería eléctrica

      Agrupamento de acumuladores, conectados en serie ou en paralelo. As baterías de acumuladores de chumbo ou alcalinas foron utilizadas en redes industriais de corrente continua, nas centrais telegráficas e telefónicas, etc. Teñen aínda aplicación en vehículos e en dispositivos industriais de control, vixilancia e alarma. Hai baterías completamente estanco de acumuladores Ni-Cd miniaturizadas, empregadas en aparellos portátiles, onde substitúen con certas vantaxes as baterías de pilas.

    3. batería flotante

      Batería de acumuladores destinada a alimentar un circuíto no que a alimentación normal pode fallar. Aplícase nos seus bornes a tensión necesaria para manter o estado de carga aproximadamente constante.

    4. batería nuclear

      Xerador que converte directamente en electricidade a enerxía cinética dos electróns (partículas) emitidos por unha fonte radiactiva (por exemplo estroncio-90).

    5. batería solar

      Batería de pilas ou células solares empregada para producir enerxía eléctrica a partir da radiación solar.

    6. batería tapón

      Batería de pilas conectada en paralelo coa carga co fin de atenuar as variacións de tensión dos xeradores e da corrente abastecida por estes á carga.

  6. batería central [TECNOL]

    Sistema que subministra a enerxía suficiente para abastecer os circuítos de telecomunicacións nun lugar de consumo particular.

  7. batería de test [PSIC]

    Conxunto de tets complementarios que, explorando diversas aptitudes do individuo ou facetas da personalidade, permite un diagnóstico máis preciso.

Frases feitas

  • en batería loc adv Maneira na que unha serie de obxectos similares se sitúan paralelos lateralmente. OBS: Utilízase xeralmente para referirse ao xeito de aparcar ou estacionar os coches que se colocan máis ou menos perpendiculares á beirarrúa e paralelos uns aos outros.

Palabras veciñas

batente | bateo | bater | batería | Bates, Alan | Bates, Henry Walter | Bates, Herbert Ernest