Baudelaire, Charles Pierre

Baudelaire, Charles Pierre

Escritor francés. Cursou estudios en Lyon (1832-1836) e París (1836-1839). Despois dunha viaxe á India, motivada polo enfrontamento co seu padrasto, o coronel Aupick, estableceuse en París frecuentando os ambientes bohemios. En 1845 comezou a publicar poemas en revistas, artigos de crítica de arte en forma de artigos ou panfletos -foi un gran defensor de Delacroix-, un único conto La Fanfarlo (1847), e a partir de 1848, a longa serie de traducións de obras de Edgar Allan Poe. En 1857 apareceu a primeira edición de Les fleurs du mal (As flores do mal), libro que foi obxecto dun proceso e dunha sentenza condenatoria por ofender a moral pública e os bos costumes. Como consecuencia, obrigóuselle a retirar do libro seis poemas: “Les bijoux”, “Le Léthé”, “A celle qui est trop gaie”, “Lesbos”, “Femmes damnées” e “Les Metamorphoses du vampire”. Só a partir de 1911 apareceron edicións completas da obra e o proceso foi considerado nulo pola Corte Suprema en 1949. Na poesía francesa Les fleurs du mal orixinou a aparición dos poètes maudits e tivo fonda influencia en Lautréamont, Mallarmée ou Rimbaud, entre outros. A súa actividade literaria comprende poesía, crítica de arte e tradución. A importancia histórica da súa obra poética é extraordinaria: deu unha orientación nova a toda a poesía occidental. Último gran romántico francés, é un dos máis grandes ao lado de Victor Hugo, e tamén o iniciador dunha nova sensibilidade, centrada na experiencia da vida urbana e na observación das ambivalencias do mundo emotivo e imaxinativo que, expresándoo en forma negativa, expulsou dende hai un século ata agora a poesía da ‘beleza’ no senso greco-latino. No eido musical foi un dos primeiros en valorar positivamente a obra de Wagner, realizando un estudo sobre a súa vida e obra en Richard Wagner et Tannhaüser à Paris (Richard Wagner e o Tannhaüser en París). Na súa produción destacan as obras Les Paradis artificiels, opium et haschisch (Os paraísos artificiais, opio e haxix, 1860); L’Art romantique (A arte romántica, 1868); Curiosités esthétiques (Curiosidades estéticas, 1868) ou Petits poèmes en prose (Pequenos poemas en prosa, 1868).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : París

  • Deceso