Baudot Puente, Gregorio
Director de banda militar de música e compositor. Foi discípulo de Tomás Bretón. Viviu en Ferrol desde 1910, sendo director da Banda de Infantería de Mariña. Xa en 1911 gañou o primeiro premio cun Himno nuns xogos florais celebrados nesa cidade; dous anos despois compuxo o pasodobre El tren de la alegría, para conmemorar a inauguración do ferrocarril Betanzos-Ferrol, e no 1915 gañou en Vigo un certame internacional de bandas militares. Na súa produción, influída polo folclore galego, hai música militar, pasodobres (Lugo-Ferrol, Os fillos de Canido), zarzuelas (La figlia de Jorio, Cantuxa, Mari Lorenza, Aires de la sierra, Zoraida) e pezas sinfónicas; entre todas as composicións destaca a zarzuela Cantuxa, con letra de Adolfo Torrado. Ademais, completou Luces de Verbena de Reveriano Soutullo. A súa obra, aínda descoñecida, amosa unha estética wagneriana e posromántica. Cada ano o concello de Ferrol convoca o certame pianístico que leva o seu nome.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Colmenar Viejo, Madrid -
Deceso
Lugar : Ferrol