Baudouin de Courtenay, Jan Ignacy

Baudouin de Courtenay, Jan Ignacy

Lingüista polaco. Doutor en Filosofía pola Universidade de Leipzig, entre 1870 e 1913 foi profesor sucesivamente en Petersburgo, Kazan’, Dorpat e Cracovia. En 1918, unha vez acadada a independencia de Polonia, foi nomeado profesor en Varsovia. A súa primeira lección inaugural en Petersburgo (1870) constituíu un esbozo da fonoloxía, máis en particular da morfofonoloxía. O seu mellor momento creador foi a época de Kazan’, ao redor do ano 1880, cando lle servía de estímulo a colaboración mantida con Mikolaj Kruszewski. Influíu sobre Saussure grazas ao seu Versuch einer Theorie phonetischer Alternationen (Ensaio dunha teoría das alternancias fonéticas, 1895) e o seu ensino foi o núcleo formador da chamada Escola de Petersburgo. Publicou tamén un estudo sobre os dialectos do Friul en 1875. Determinou as diferencias entre dúas fonéticas descritivas distintas, o estudo dos sons como fenómenos físicos, a Fonética, e o estudo dos signos empregados por unha mesma comunidade lingüística ou Fonoloxía. Por estes dous camiños, as súas ideas levaron a determinar os principios da fonoloxía do Círculo Lingüístico de Praga. Así mesmo, orientou a súa investigación cara ao eido psicolóxico e dialectolóxico.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Radzymin

  • Deceso

    Lugar : Varsovia