Baviera

Baviera

Land de Alemaña limitado ao N por Turinxia, ao L pola República Checa, ao SL e o S por Austria, ao O por Baden-Wütemberg e ao NL por Hessen (70.548 km2; 12.066.375 h [estim 1998]). A súa capital é Múnic.
Xeografía
Baviera comprende tres grandes rexións naturais, limitadas no L por unha orla montañosa (selva de Franconia, Fichtelgebirge, selva do Alto Palatinado, selva de Baviera). A rexión alpina comprende o Allgäu e os Prealpes de Baviera. Máis ao N, ata o val do Danubio, esténdese o altiplano suabio-bavarés, área inmediata aos Alpes. Pasado o Danubio, o país está ocupado pola conca franco-suabia, que se estende ata o macizo de Bohemia. Os ríos pertencen a dúas concas, a do Rin e a do Danubio, e na área prealpina hai numerosos lagos. A mediados do s XIX Baviera era un estado eminentemente agrario, onde este sector ocupaba as dúas terceiras partes da poboación, mentres que cara a finais da década de 1990 ocupaba só ao 5% da poboación activa. O Allgäu é o centro dos produtos lácteos, e Baviera ocupa o primeiro lugar alemán na produción leiteira. As áreas agrícolas máis importantes son a Baixa Baviera e Franconia. A viña cultívase no val do Main, e ao redor das cidades proliferan os cultivos de horta. As grandes cidades son agora os centros industriais. A maior parte da poboación é de relixión católica, sendo este, xunto co dialecto, un dos trazos diferenciais dos bávaros respecto do resto de Alemaña. Baviera está dividida en sete bezirke: Franconia Central, Suabia, Alta Franconia, Baixa Baviera, Alta Baviera, Alto Palatinado e Baixa Franconia. As principais cidades, ademais de Múnic, son Nüremberg, Augsburgo, Würzburg e Regensburg.
Historia
Baviera foi parcialmente ocupada polos romanos e integrada dentro da provincia de Recia. Ao longo dos ss V e VI diversas tribos xermánicas procedentes da Bohemia foron establecéndose no país e formaron o pobo dos baiuvarii (bávaros). O ducado, sometido ao dominio franco, xurdiu no 555 con Garibaldi I. A dinastía extinguiuse no 788 da man de Carlomagno, cansado das constantes mostras de rebeldía de Tasilón III; deseguido foi integrada no Imperio Carolinxio, converténdose novamente nun ducado cando se extinguiu a rama dos carolinxios alemáns (911). Baixo o dominio dos saxóns (a partir do 947), o ducado rebelouse constantemente contra o Sacro Imperio, rivalidade que proseguiu con Enrique o León e Federico I Barbarrubia. Luís IV da Alta Baviera (1294-1347) foi un dos duques máis importantes: engrandeceu as súas posesións coa adquisición da Marca de Brandenburgo, o Tirol, Holanda, Zelanda e o Hainaut, e herdou os territorios da Baixa Baviera en 1340. As frecuentes subdivisións do ducado entre as diversas pólas familiares debilitárono, ata que Alberte IV o Sabio de Baviera-Múnic (1467-1508) unificouno e introduciu a primoxenitura (1506). A pesar da expansión da Reforma protestante, Baviera mantívose fiel ao Catolicismo, mesmo despregando unha grande ofensiva contra os protestantes. Maximiliano I (1597-1615) foi o dirixente alemán máis destacado da Contrarreforma católica. A pesar de ser invadida tres veces, a Paz de Westfalia ratificou a Maximiliano I a posesión do título de Elector e do Alto Palatinato, mentres que o Baixo Palatinato pasou aos herdeiros do Elector protestante Federico V. Maximiliano II Manuel (1679-1726) aliouse con Francia durante a Guerra de Sucesión española. Baixo o goberno de Maximiliano III Xosé (1745-1777), Baviera recoñeceu a Pragmática pola Paz de Füssen (1745). Coa morte de Maximiliano III extinguiuse a póla bavaresa dos Wittelsbach e Baviera pasou a Carlos-Teodoro do Palatinado, da liña Palatinado-Sulzbach, quen introduciu o movemento da Ilustración en Baviera. Maximiliano IV Xosé seguiu unha política profrancesa e aliouse con Napoleón, feito polo que recibiu (1803) os bispados secularizados de Würzburg, Bamberg, Freising e Augsburgo, e parte dos de Passau e Eichstätt. A partir das guerras napoleónicas, Baviera converteuse nun dos estados máis poderosos de Alemaña. En xullo de 1806 adheriuse á Confederación do Rin. Durante a campaña de Rusia, Maximiliano IV Xosé permaneceu unido a Napoleón, pero pouco antes da Batalla de Leipzig (1813) uniuse á coalición antinapoleónica, acadando do Congreso de Viena (1815) a ratificación da meirande parte das súas posesións. Pouco tempo despois adheriuse á Confederación Xermánica. O seu fillo Luís (1825-1848) fixo de Múnic o centro artístico e cultural máis brillante da Alemaña. En 1837 dividiu o país nos sete distritos actuais. Non obstante a súa política, tolerante e romántica cando subiu ao trono, foi substituída por unha reacción a cada volta máis ríxida, tendo que abdicar logo da Revolución de 1848. Baixo o seu goberno comezaron a desenvolverse pequenos centros industriais. O seu sucesor, Maximiliano II (1846-1864), aliouse con Austria. Baixo o goberno de Luís II (1864-1886), Baviera aceptou ingresar no Reich, aínda que conservando unha ampla autonomía. Deposto o Rei (1886) a causa da súa tolemia, o país foi gobernado por rexentes ata o ano 1913, en que subiu ao trono Luís III, derrocado en novembro de 1918 polo líder da socialdemocracia independente, Eisner, quen proclamou a República Socialista Bávara. Despois dun breve goberno dos espartaquistas e da proclamación da República Soviética (marzo de 1919) que só durou dous meses, no 1920 acadou o poder un goberno de dereitas que intentou independizar Baviera. O Partido Populista gañou as eleccións do 1924, gobernando ata 1933 cunha política de clara oposición ao Nacionalsocialismo. En 1934 Baviera perdeu a súa identidade como estado propio, integrándose no Terceiro Reich. A nova Constitución de Baviera adoptouse o 12 de decembro de 1946. Neste mesmo ano o Palatinado do Rin foi incluído no land de Renania-Palatinado. En 1949 a Dieta de Baviera foi a única que rexeitou a Constitución federal, porque non consideraba suficientes os dereitos soberanos dos estados. Agás no período 1954-1957, gobernou a CDU, ben soa ou ben dirixindo gobernos de coalición.