Baxkiria

Baxkiria
Nome científico: [nome oficial: República dos Baxkires; baxkir: Baškortostan]

República Autónoma de Rusia que se estende polas estribacións occidentais dos Urais meridionais (143.600 km2; 4.111.300 h [estim 1999]). A capital é Ufa. De relevo montañoso, especialmente ao L, nos Urais, o seu clima é continental seco. O bosque cobre a parte montañosa, mentres que ao O están as comarcas esencialmente agrícolas e gandeiras. A poboación está composta por baxkirianos (24,3%), tártaros (24,5%), rusos (40,3%) e outras minorías, predominando a relixión musulmana. O desenvolvemento económico deste país comezou coa explotación petrolífera en 1932 (Isimbaj), continuada por novas explotacións en 1944 (Okt’abr’skij) e en 1960, para as que se crearon as refinerías de Černitovks e Ufa, e plantas de aproveitamento de gas natural. A organización tribal dos baxkires conservou a independencia do seu territorio ata o s XIII, cando foron sometidos polos tártaros, que estableceron nel tres khanatos: o Siberiano, o Cazánico e o Nogaico. Baxkiria foi anexionada a Rusia por Iván IV en 1552, aínda que as sublevacións dos baxkires foron unha constante que se prolongou ata 1741, data do seu definitivo sometemento. En 1753 Ufa foi designada capital do territorio. O 23 de marzo de 1919 constituíuse na primeira República Socialista Soviética Autónoma da República Socialista Federativa Soviética de Rusia (unha das 15 RSFS da Unión Soviética).