Bazán de Mendoza, Pedro Pablo
Xurista e crego ilustrado e liberal de tendencia afrancesada. Accedeu ao grao de doutor en Leis no 1782. Un ano máis tarde comezou a amosar a súa inclinación cara ao despotismo ilustrado de Carlos III. Durante a súa estancia en Madrid foi censor e fiscal da Audiencia de Dereito Público e Español. En 1801 accedeu á cátedra de Institucións Civís na Universidade de Santiago de Compostela. Baixo o reinado de Carlos IV constituíu en Santiago un grupo de acción política con tendencias afrancesadas que tiñan como centro de reunión o Colexio San Xerome, o que lle supuxo inimizades e conflitos no ámbito universitario. No ano 1807 asumiu a cátedra de Historia e Elementos de Dereito Español, da que foi desprovisto en 1808 ao non adherirse ao Batallón Literario de Santiago de Compostela. Coa entrada das tropas francesas en Santiago de Compostela (17.1.1809) foi restituído na súa cátedra e asumiu diferentes cargos públicos no concello. Tivo que fuxir cos franceses cando as tropas de La Carrera entraron en Santiago de Compostela (23.5.1809), exiliándose en Francia. Así mesmo, o claustro universitario invalidou o seu título de doutor. No ano 1820 intentou volver do seu desterro, polo que solicitou a intervención da Universidade, que lle foi denegada. Publicou Carta a un patriota español (1809) e Discurso sobre la toma de Tarragona por las tropas francesas (1811). Así mesmo, realizou a tradución de Hirza (1806) e La Henriada (1816), ambas de Voltaire, esta última prohibida pola Inquisición compostelá no 1817. Postumamente, apareceu no Álbum de la Caridad (1862) a súa composición “A la excelente oda del Sr. Abad de Fruime”.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Cambados -
Deceso
Lugar : París