Be-Nafarroa

Be-Nafarroa

Territorio histórico vasco (Baixa Navarra) da vertente setentrional dos Pireneos (1.336 km2). Actualmente, xunto cos territorios de Lapurdi, Zuberoa e o país de Bearn, forma o departamento francés dos Pireneos Atlánticos. É unha rexión agrícola e gandeira, con prados e bosques. A causa da falta de industria, hai unha forte corrente migratoria cara a Bordeos e París. Divídese en tres cantóns: Iholdi, Donibane Garazi (Saint-Jean-Pied-de-Port) e Baigorri. A capital é Donibane Garazi. A lingua do país é o éuscaro, actualmente en regresión. Formou parte do Reino de Navarra, do que constituía a sexta merindade, nomeada Ultraportos. Fernando o Católico conquistou o Reino (1512); máis adiante (1530), a Be-Nafarroa foi abandonada de feito aos Albret, situación recoñecida en 1659 no Tratado dos Pireneos. A Be-Nafarroa conseguiu conservar a súa condición de “país de estados” ata a Revolución Francesa (1789).