Beade, Santa María de
Igrexa parroquial situada no concello de Beade. A fábrica actual é do s XVI, aínda que se conservan restos dun edificio románico anterior: no muro S atópase un aleiro con arquiños sobre ménsulas e no muro N, no interior da nave, un friso que anuncia o gótico. Consta dunha nave, con capelas acaroadas a ambos os lados, cuberta cunha bóveda de medio canón. Accédese ao presbiterio por medio dun arco apuntado cuberto por unha bóveda nervada. A fachada principal é barroca do s XVIII, cunha torre-campanario obra do mestre canteiro local Dionisio Vidal (1757). No interior consérvanse diversos sepulcros, entre eles o do comendador de Beade e Ribadavia, frei Arias López Fandiño de Goyáns (1534). Conserva esculturas, de 1608, de Francisco de Moure: santa Ana, santa Isabel, santa Lucía, a Virxe e san Ildefonso.