beat*

beat*
  1. adx e s m [MÚS]

    Termo inglés que antigamente se empregaba para referirse a un adorno musical. Co tempo foi aplicado ao tipo de música basicamente rítmica xurdida en Inglaterra a comezos dos anos sesenta, con grandes influencias do rythm and blues. Foron os seus máximos expoñentes The Beatles e The Rolling Stones. Na terminoloxía de jazz, derivou como sinónimo do swing.

  2. literatura beat [LIT]

    Etiqueta que identifica a un grupo de escritores norteamericanos composto fundamentalmente por novelistas e poetas, nacido en 1950 e que persistiu ata os anos sesenta. Encabezados polo poeta Allen Ginsberg, voceiro do movemento, toman o termo beat do argot dos músicos negros. A xeración beat naceu nos anos corenta da amizade dalgúns mozos da Universidade de Columbia  e do seu trío principal: Allen Ginsberg, Jack Kerouac e William S. Burroughs, que escribiron as obras máis representativas do movemento, respectivamente: Howl and other poems (Ouveos e outros poemas, 1956), On the road (No camiño, 1957), e The naked lunch (O almorzo nu, 1959). Identificáronse polo rexeitamento do conformismo e por unha dispoñibilidade total para lanzarse ás máis desaforadas aventuras e ás experiencias máis radicais. Coñeceron a prisión e o hospital psiquiátrico, probaron multitude de drogas, e leron a Nietzsche, Freud, Lautréamont, Spengler e Blake, e textos gnósticos e budistas que os orientaron definitivamente pola vía do Misticismo. Defenderon a ruptura da sintaxe lingüística ordinaria, a concepción da tolemia como resultado da alienación e como condición propicia para soños místicos e o propósito de facer do marxinal e do antiheroe, o anxo e o heroe da modernidade, trazos que inscriben a este grupo na longa tradición dos poetas malditos. Ser beat significaba tomar partido polas minorías étnicas, deixadas a un lado polo capitalismo triunfante e permanecer á marxe da mentalidade da pequena burguesía. Concibían a revolución como transformación do ser privado, única maneira de destruír estereotipos e condición necesaria para modificar as relacións humanas e sociais. A súa ambición prioritaria era preservar a súa liberdade, vivir os seus desexos e contradicións fóra de todo dogmatismo, sen pretender erixir o seu modo de existencia como modelo para o uso dunha nación. Cara ao 1961 comezou a desaparecer a xeración beat, aínda que a influencia destes autores se estendeu máis alá do mundo de fala inglesa e o seu espírito afectou á contracultura dos anos sesenta. Contribucións ao estilo beat son obras como Riprap (Primeira pedra, 1959), de Gary Snyder; Go (Imos, 1952) ou The Horn (A corna, 1958), de John Clellon Holmes.

Palabras veciñas

Beasain | Beascos | Beast must die, The | beat* | beatería | beaterio | beatificación