Beck, Julian
Actor, escenógrafo e director de escena. Fundou con Judith Malina o Living Theatre en Nova York (1948), compañía que se convertería nun punto de referencia do teatro de axitación, provocación e propaganda na década dos sesenta e setenta. O seu teatro causou impacto en Europa pola combinación das teorías de Artaud, do pacifismo, da utopía anarquista e da provocación do público pola toma de conciencia revolucionaria. Nun principio a compañía centrouse na procura dunha síntese entre a tradición teatral oriental, a adaptación de clásicos como Federico García Lorca, Jean Cocteau ou Bertolt Brecht, e a recuperación da estética dos autos e misterios medievais, seguindo os pasos de Jerzy Grotowski ou Peter Brook. Entre 1964 e 1968 a compañía realizou unha longa xira por Europa presentando propostas escénicas baseadas en improvisacións, traballos de plástica corporal e exercicios de creación colectiva. Entre 1970 e 1971 realizaron diversos traballos en Brasil antes de regresaren aos Estados Unidos e iniciaren unha nova xeira en Pittsburg. Como espectáculos máis salientables cómpre sinalar The Brig (1963), Frankenstein (1965), Antígona (1967), Paradise Now (1968) e Enormous Despair (1972). Entre as súas propostas máis radicais e innovadoras destaca a idea dun “teatro libre e aberto” que buscaba a participación activa do espectador, interaccións que provocaron fortes polémicas e controversias.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Nova York -
Deceso