Beckett, Samuel
Dramaturgo e novelista angloirlandés autoexiliado en Francia desde 1937. Iniciou a súa carreira como autor dramático trala estrea de En Attendant Godot (París,1953). Este espectáculo, baseado nunha peza homónima da súa autoría, presentouse en Londres en 1955 co título de Waiting for Godot. Desde un primeiro momento a súa obra foi equiparada á de Eugène Ionesco, Arthur Adamov ou Harold Pinter, e enmarcouse no movemento que o crítico británico Martin Esslin denominaría “teatro do absurdo”. Autor dunha obra tan breve como significativa, Beckett comezou a escribir literatura dramática despois de publicar a célebre triloxía de novelas Malloy, Malone Dies e The Unnamable, onde aparecen temáticas que se converterían en recorrentes e onde se aprecia a pegada existencial e estilística do seu amigo e mestre James Joyce, ben que no eido dramático non se pode esquecer a influencia de William Butler Yeats, T. S. Eliot, Jean Paul Sartre ou Albert Camus. Con todo, Be-ckett foi quen de crear unha obra que destaca pola súa orixinalidade e singularidade e por influír, de forma decisiva, na escrita dramática posterior, prefigurando os máis diversos estilos e tendencias e anticipando a actual síntese entre xéneros, presente na obra de autores tan dispares como Heiner Müller, Bernard-Marie Koltès ou Bob Wilson. A súa obra, desposuída dos elementos formais do teatro e da narración, intenta penetrar na circunstancia elemental do home; constitúe unha aceda e irónica reflexión sobre a condición humana, fuxindo do naturalismo e do realismo e recuperando a capacidade simbólica e alegórica de personaxes e situacións, ao tempo que propón, en todas as súas pezas, unha suxestiva exploración e investigación dos recursos fundamentais da expresión teatral (acción, voz e movemento) e das relacións que entre eles se establezan, procurando sempre unha redución extrema dos elementos que configuran a dramaticidade e prefiguran a teatralidade. Como novelista escribiu Murphy (1938), Molloy (1951), Malone meurt (1951), Watt (1953), L’innommable (1953), Comment c’est (1961), Imagination morte imaginez (1966), Ill Seen, Ill Said (1982); os contos Le dépeupleur (1971) e Compagnie (1980); as obras teatrais En attendant Godot (1953), Fin de partie (1957), Happy Days (1969), Play (1963), Not I (1973), Rockbaby (1981) e o ensaio O mundo e o pantalón (1989), amais doutras pezas curtas e textos radiofónicos. A súa obra, escrita nas linguas inglesa e francesa, foi galardoada en 1961 co Premio Formentor e no 1969 co Nobel de Literatura. A presenza e pegada de Beckett en Galicia é significativa e non só pola influencia que a súa obra tivo na escrita máis contemporánea (Miguel Sande ou Xesús Pisón), senón polos espectáculos creados a partir de textos seus. Entre estas propostas habería que sinalar a produción en 1984 da súa peza En attendant Godot, pola Compañía Luís Seoane (A agardar por Godot), con dirección de Manuel Lourenzo e en 1998 por Teatro Galileo (A esperar por Godot), con dirección de Pedro Rubín; en ambos os casos seguindo a versión textual galega de Francisco Pillado Mayor; Acto sen verbas, realizado por Máscara 17 en 1976 ou A derradeira cinta e Comedia, presentados pola Escola Dramática Galega en 1985 con dirección de Miguel Pérez Romero.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Foxrock, Dublín -
Deceso
Lugar : París