Bedoya, Tesouro de

Bedoya, Tesouro de

Recibe o nome do propietario orixinal Francisco Bedoya Fojo, debido a que non se determinou con exactitude o lugar onde se atopou. Non obstante , semella que pode proceder de Brión (Ferrol) ou de Noalla (O Salnés). Os obxectos que compoñen o tesouro apareceron nun caldeiro de bronce de 12,5 cm de fondo e 17 cm de diámetro con paredes rectas na metade superior e curvas na inferior, e fondo plano decorado con catro círculos concéntricos. Estaba formado por xoias prerromanas (dúas arracadas de tipo ril, dúas arracadas de tipo laberintiforme e unha diadema) e romanas (un anel signatario de ouro con entalle, un anel de ouro cunha amatista, 27 denarios de prata e dous áureos). A cronoloxía proposta para este tesouro é unha data de termo post quem (91 d C). Dende 1953 atópase no Museo de Pontevedra.