Beethoven, Ludwig van
Compositor alemán de orixe flamenga. Comezou a súa educación musical de neno da man do seu pai, para logo ser alumno de Tobias Pfeiffer e de Christian Gottlob Neefe. En marzo de 1778 foi presentado como neno prodixio da música nun concerto organizado polo seu pai e aos dezaseis anos marchou a Viena, coa intención de ser discípulo de Mozart, o que non acadou debido á negativa do mestre. Posteriormente recibiu leccións de Haydn, B. Schenk, Johann G. Albrechtsberger, Antonio Salieri e Aloys Förster. Froito destes estudios foron, entre outros, os Concertos para piano, op 15 e 19 e Tríos op 1, estreados en 1795. Pronto sobresaíu polos seus dotes de compositor e pianista. Lenz foi o primeiro musicólogo que distinguiu tres estilos ou etapas dentro da obra de Beethoven. Na primeira (ata 1800), as súas obras non se distinguiron formalmente das de Haydn e de Mozart, pero teñen trazos orixinais característicos; as obras máis destacables foron a Sonata para piano op 13 (1798), coñecida como Patética, os dous primeiros concertos para piano e orquestra, a Primeira Sinfonía (1800), a colección de Seis cuartetos opus 18 (1799-1800), e o célebre Septeto opus 20 (1800). A finais desta época manifestóuselle a xordeira, que acabou sendo total. Na segunda etapa (1801-1814) reformou a estrutura clásica da sinfonía, substituíndo o minueto por un scherzo que permitía unha liberdade máis grande na composición. En 1801 comezou a compoñer a Segunda Sinfonía onde, como innovación, substituíu o minueto do terceiro movemento por un scherzo. A continuación compuxo a Terceira Sinfonía (1803), coñecida como Heroica; a Cuarta Sinfonía (1806); a Quinta Sinfonía (1807-1808); a Sexta Sinfonía ou Pastoral (1808); a Sétima Sinfonía e Oitava apareceron simultaneamente no 1812. Mentres tanto, publicara o seu Concerto para violín, op 61 (1806) e os tres últimos concertos para piano e orquestra, e tamén os tres cuartetos Rassumovski, op 59 (1806) e a súa única ópera Fidelio (1805). Desta época son tamén algunhas das súas sonatas máis famosas: Appassionata, op 57, para piano, e Sonata a Kreutzer, op 47, para violín e piano. Malia respectar a forma clásica da sonata, ampliouna e desenvolveu os temas cunha extensión desacostumada ata entón. Na última fase da súa vida (do 1815 en diante), creou as derradeiras sonatas para piano, como a Hammerklavier, op 106, os daquela incomprendidos cuartetos, a Gran Fuga para corda, op 133, a Missa Solemnis en re maior (1823) e a Novena Sinfonía (1824), onde introduciu, no último movemento, por vez primeira a voz humana (con texto de Schiller). A súa influencia sobre xeracións vindeiras foi indeleble porque promoveu a transformación da música occidental, da cal é, quizais, o compositor máis representativo.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Bonn -
Deceso
Lugar : Viena