Begíjar

Begíjar

Municipio da provincia de Jaén, Andalucía, situado ao SO de Baeza e drenado polo Guadalquivir (3.111 h [1996]). A súa economía é fundamentalmente agrícola, destacando o cultivo da oliveira, á que se dedican máis de 3.000 ha, e os cereais, o algodón, a remolacha e as producións hortícolas baixo plástico. A industria dedícase á transformación dos produtos agropecuarios, destacando as almazaras de aceite. En Begíjar atopáronse restos ibéricos e romanos. A súa fundación remóntase ao ano 642, como pequena fortaleza visigoda. No s VIII os musulmáns trasladaron o emprazamento e melloraron a fortificación, da que aínda queda unha torre (s XII-XIII). A primeira referencia documental que se conserva data do primeiro terzo do s XIII; nela o Rei Fernando III entregaba a aldea ao bispo de Baeza. Un dos principais valedores da aldea foi o bispo de Baeza don Alonso Suárez de la Fuente del Sauce, que ocupou despois (cara ao ano 1500) as sés de Mondoñedo e de Lugo. Entre o patrimonio monumental sobresae a igrexa de Santiago Apóstol, que conserva unha portada plateresca do s XVI.