Beiras Torrado, Xosé Manuel Hixinio

Beiras Torrado, Xosé Manuel Hixinio

Catedrático de Estrutura Económica na Universidade de Santiago e político nacionalista. Realizou estudios de Dereito e Ciencias Económicas na Universidade de Santiago de Compostela e de Lingua e Literatura Francesa na Université de la Sorbonne. A súa actividade política iniciouse en 1963, cando participou na fundación do Partido Socialista Galego (PSG), no que ocupou o cargo de secretario xeral. Anos máis tarde, integrouse no Bloque Nacionalista Galego (BNG), formación que lidera e á que representa no Parlamento de Galicia dende a segunda lexislatura (1985). O feito máis salientable da súa actividade política é a súa capacidade de reunir nunha mesma formación a diferentes partidos políticos galeguistas (Partido Nacionalista Galego, Esquerda Nacionalista, Unidade Galega, Unión do Pobo Galego, etc) e conducir ao nacionalismo galego dunha presenza marxinal na política galega a ser a segunda forza política do país e alternativa de goberno. Tras ser nomeado académico de número da Real Academia Galega, presentou a súa dimisión de xeito inmediato para amosar o seu desacordo coa política lingüística que segue esta institución. No eido académico desenvolveu un gran labor na divulgación científica e ensaística en numerosos xornais, revistas e publicacións monográficas, nas que constrúe un discurso sobre a situación social, económica e política de Galicia, dende presupostos marxistas e nacionalistas. Foi o primeiro ensaísta que analizou a posguerra e as súas consecuencias nas estruturas económicas e políticas que constitúen a realidade galega actual; introduciu as análises de Lafont para analizar a dependencia económica dun territorio de xeito colonial; analizou o papel da demografía (poboación e emigración) no desenvolvemento económico de Galicia; reflexionou sobre o pensamento económico de Castelao, etc. Como autor publicou El problema del desarrollo en la Galicia rural (1967), premio da Casa de Galicia de Nova York; Estrutura y problemas de la población gallega (1970); O atraso económico de Galicia (1972), obra que supuxo unha revolución nos marcos de interpretación da economía galega dende uns parámetros actuais e modernos, reeditada con anotacións en 1995 e traducida ao español en 1982; Por unha Galicia liberada (1984); Constitución española e nacionalismo galego: unha visión socialista (1985); Prosas de combate e maldicir (1991) e O estado da nación (1996), que contén nove discursos pronunciados entre 1989 e 1995. Participou nos volumes colectivos Introdución á economía galega de hoxe (1969), A Galicia rural na encrucillada (1975), Contaminación industrial e desenvolvimento (1975), O atraso e Nós. Aportación pra un debate encol do atraso económico (1982) e Dende Galicia: Marx. Homenaxe a Marx no 1º centenario da súa morte (1985). Para a Revista de economía de Galicia escribiu numerosos artigos, dos que cómpre salientar os seguintes: “Política económica de la Bretaña francesa actual”, “Para una demografía de Galicia”, “Galicia en el primer censo agrario de España” e “El problema de la emigración en Galicia”. Así mesmo, é colaborador das revistas a Trabe de Ouro, Encrucillada, Grial, Tempos Novos, Enquisa, Agra Aberta e Os Precursores. A súa actividade literaria maniféstase na tradución de obras e pezas dramáticas da literatura francesa: Antigona de Jean Anouilh, en colaboración con X. L. Franco Grande, e Non haberá guerra de Troia de Jean Giradoux.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Santiago de Compostela