Belgrado

Belgrado
Nome científico: [serbio: Beograd]

Capital de Iugoslavia e da República de Serbia (1.168.454 h [1994]). Está situada entre a área de outeiros do N da Šumadija e o ángulo de confluencia dos ríos Sava e Danubio. Cara ao NO foi construído, despois da Segunda Guerra Mundial, o Belgrado Novo (Novi Beograd) que, xuntamente coa localidade de Zemun, máis ao norte, forman unha unidade administrativa. Belgrado é o centro administrativo e económico de Serbia. Ten como centro cultural e de ensinanza superior a Universidade de Belgrado, fundada no ano 1863. Entre os seus monumentos, ademais da cidadela, son dignos de mención a igrexa ortodoxa de San Marcos e a mesquita Barxak (s XVI). A antiga Singidunum foi fortificada polos celtas no s III a C. Baixo o poder búlgaro, no s IX recibiu o nome eslavo de Belgrado (‘cidade branca’). Baixo poder turco dende 1521 a 1867, prosperou economicamente como intermediaria no comercio entre Venecia e o norte dos Balcáns. Dende a revolta serbia de Karadjordje Petrovič (1804) foi considerada capital do novo estado serbio. Durante as dúas guerras mundiais foi atacada e ocupada. Belgrado foi escollida capital do Reino de Serbia, Croacia e Eslovenenia (1918-1941), da Federación Iugoslava (repúblicas de Serbia, Bosnia-Herzegovina, Croacia, Eslovenia, Macedonia e Montenegro e as provincias autónomas de Kosovo e Voivodina, 1945-1991) e da República Federal de Iugoslavia (repúblicas de Serbia e Montenegro, desde 1991). Entre marzo e xuño de 1999 a cidade (especialmente as súas infraestruturas de comunicacións e defensa) sufriu os bombardeos da aviación da OTAN, dentro das operacións desenvolvidas por mandato das Nacións Unidas durante o conflito de Kosovo.