Belize
Estado da América Central, que limita co mar das Antillas ao L, con Guatemala ao S e ao O, e con México ao O e ao N (22.965 km2; 228.000 h [1997]). A capital é Belmopan.
Xeografía física
Situado ao S da península do Yucatán, o relevo artéllase en bandas paralelas ao litoral. A máis interior correspóndese cun macizo antigo, as montañas Maya, que ao S alcanzan as altitudes máximas (Victoria Peak, 1.120 m). Tamén forman parte desta unidade as montañas Manatee e as Cockscomb. A continuación aparece unha franxa de sabana e despois unha banda de terreo fértil constituído por materiais aluviais procedentes dos ríos serranos. Por último, a chaira costeira é palustre e está cuberta de manglares. A costa é moi recortada e, fronte a ela, érguese unha barreira de illas coralinas. O clima é tropical, e o país vese frecuentemente afectado polos furacáns. A temperatura media anual é elevada, chegando aos 25,3°C na capital. En canto ao réxime, a oscilación é pequena e as temperaturas sitúanse sempre en valores superiores aos 23°C: o mes de xaneiro ten unha temperatura media de 23,3°C fronte ao mes de xullo que acada os 27,2°C. Os ventos dominantes son de compoñente L, procedentes do Océano, o que provoca abundantes chuvias. Os rexistros de precipitacións oscilan entre os 1.300 mm ao N e máis de 3.000 mm ao S, cunha distribución anual que concentra os meses de seca entre febreiro e maio, acadando as máximas chuvias de outubro a decembro.
Xeografía económica
A distribución sectorial do PNB (600 millóns de dólares en 1996) indica a hexemonía dos servicios sobre os outros dous sectores de actividade. O terciario achega o 58% da produción, baseado na importancia do turismo e nas vantaxes fiscais que ofrece o seu sistema tributario, o que o converte nun lugar atractivo para os depósitos estranxeiros e contribúe ao desenvolvemento do sector financeiro. O sector primario achega o 21% do PNB. Dos vizosos bosques extráense madeiras duras tropicais (caoba, palisandro, cedro, piñeiro indíxena) e tamén goma de mascar elaborada co látex do sapote. En total, a produción de madeira acada os 188.000 m3(1997). Cultívanse cítricos, bananas, uvas e cana de azucre. Este último cultivo é a base da agricultura, cunha colleita anual de 1.150.000 Tm (1997) e o 80% das terras cultivadas. A agricultura, sen embargo, está sometida á eventualidade dos furacáns e ciclóns. Do cánabo indio obtense marihuana e, malia a clandestinidade na que se desenvolve, calcúlase que a mediados da década de 1980 proporcionou aos narcotraficantes uns ingresos equivalentes a un terzo do PIB. A gandería e a apicultura teñen unha repercusión testemuñal. A pesca ten moita importancia para as economías locais, aínda que tecnicamente está nun grao pouco desenvolvido e se circunscribe ao interior das barreiras coralinas que pechan o seu litoral: en 1996 capturáronse 977 Tm de peixe. A industria está pouco desenvolvida e redúcese á primeira transformación dos produtos forestais e agrícolas, destacando os alimentarios, os téxtiles e a produción de etanol e resinas. A importancia da cana como principal cultivo tradúcese nunha produción de azucre que supera as 131.000 Tm (1997). Os portos principais son Belize e Dangriga. O aeroporto do país está en Stanley Field, localidade da periferia da cidade de Belize. O comercio exterior é deficitario. Impórtanse bens manufacturados, maquinaria, alimentos e combustibles, e exporta azucre, cítricos e outros produtos agrícolas e pesqueiros. Os principais clientes e provedores son os EE UU, o Reino Unido e México. O nivel de vida é relativamente elevado, situándose a renda per cápita en 2.700 dólares (1996). A taxa de desemprego acada o 15%.
Xeografía humana
A poboación, pouco densa (10 h/km2), rexistra unha taxa de crecemento natural do 2,8% (1992-1997), froito dunha natalidade elevada (31,9‰) e dunha mortalidade reducida (5,6‰), o que contribúe a configurar unha estrutura demográfica moi nova. A esperanza de vida ao nacer é de 67 anos para os homes e de 71 anos para as mulleres. Un 46,8% vive en núcleos urbanos (1995). A poboación é moi heteroxénea: o 43,7% é negra ou mulata, o 29,8% crioula, o 8% amerindia (maia) e o 6,6% de orixe europea (británicos sobre todo). Outros grupos étnicos representan o 11,9% dos habitantes. A lingua oficial é o inglés pero as linguas que se falan son o inglés crioulo e o español. En canto á filiación relixiosa, o 57,8% decláranse católicos, fronte a un 34% de fieis das igrexas reformadas e anglicana.
Goberno e sociedade
O ensino é obrigatorio entre os seis anos e os catorce, e a educación primaria, gratuíta. Posúe unha universidade. Belize é un estado independente dentro do ámbito da Commonwealth; o xefe de estado é o soberano do Reino Unido e o poder lexislativo reside na Asemblea Nacional, que comprende o Senado (9 membros de nomeamento indirecto) e a Cámara de Representantes (29 membros elixidos cada cinco anos). O poder executivo está en mans do primeiro ministro. Belize é membro da ONU, da Commonwealth, da OEA e do CARICOM.
Historia
Habitada por maias e caribes, durante a dominación castelá dependeu do Goberno do Yucatán. No s XVIII, a monarquía hispánica fixo concesións a Inglaterra, e aceptou o nomeamento dun gobernador dependente de Xamaica. En 1862 converteuse en colonia británica, e en 1884 separouse de Xamaica. Reivindicada por México e Guatemala, as primeiras eleccións (1954) foron gañadas polo People´s United Party (PUP), de centroesquerda. O seu líder, George C. Price, foi primeiro ministro do primeiro goberno autónomo (1961). En 1981 Belize acadou a independencia. En 1984 finalizaron os 30 anos de goberno do PUP, cando o United Democratid Party (UDP), de ideoloxía conservadora, gañou as eleccións, converténdose en primeiro ministro Manuel Esquivel. O goberno tentou atraer investimentos estranxeiros coa finalidade de reactivar a economía. En 1989 volveron ao poder o PUP e G. C. Price. Pouco despois, en 1991, chegouse a un acordo con Guatemala polo que esta renunciaba ás súas reivindicacións sobre Belize e recoñecía así a súa independencia. En política interior, o novo goberno endureceu as medidas contra o narcotráfico. As eleccións xerais de xuño de 1993 foron gañadas pola alianza entre a UDP e o National Alliance for the Belizean Rights (NABR), ata entón na oposición, sendo reelixido primeiro ministro Manuel Esquivel.