Bell, Aubrey Fitzgerald
Hispanista inglés. Formouse na Universidade de Oxford, e exerceu o cargo de asistente bibliotecario no British Museum (1905-1908). Despois dunha longa estancia na Península Ibérica, fixou a súa residencia en Portugal, país no que viviu ata o estalido da Segunda Guerra Mundial. Establecido na Península Ibérica foi correspondente do Morning Post e crítico literario en The Times Literary Supplement. Investigou especialmente as literaturas española e portuguesa: Fray Luís de León, Cervantes, Gracián, Fernão Lopes, Camões e Gil Vicente figuran entre os autores que estudiou. Destacan os estudios monográficos e as traducións das obras dalgúns deles publicadas en Lyrics of Gil Vicente (Poesías de Gil Vicente, 1914, 1921, 1925), Lyrics of Luis de León (Poesías de Luís de León, 1928), The Ship of Hell de Gil Vicente (O buque do Inferno de Gil Vicente, 1929). A súa importancia para a cultura galega vén dada por centrar a súa investigación no eido da lírica galego-portuguesa, traballando sobre a produción de trobadores particulares, para os que trata de establecer o texto crítico das súas composicións como “The Eleven Songs of Joan Zorro” (As once cantigas de Johan Zorro), “The Hill Songs of Pero Meogo” (As cantigas de montaña de Pero Meogo), “The Seven Songs of Martín Codax” (As sete cantigas de Martin Codax), publicados en The Modern Language Review, así como aqueles nos que se ocupa de aspectos concretos da estética trobadoresca como “Some Remarks on the Cantigas de amigo” (Algunhas observacións das Cantigas de amigo, 1929), publicado na Revue Hispanique e “The Origin of the cossantes”, publicado en The Modern Language Review. Ademais é autor das obras Studies in Portuguese Literature (Estudios sobre a literatura portuguesa, 1914), History of Portuguese Literature (Historia da Literatura portuguesa, 1922) primeira historia da literatura portuguesa en inglés, da antoloxía The Oxford Book of Portuguese Verse, XIIth century-XXth century (O libro de Oxford de versos portugueses, ss XII-XX, 1925, 1952, 1962), Notes on the Spanish Renaissance (Notas sobre o Renacemento español, 1930) e Castilian Literature (Literatura castelá, 1938).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Muncaster, Cumberland -
Deceso
Lugar : Victoria, Canadá