Bello Piñeiro, Felipe

Bello Piñeiro, Felipe

Pintor. Estudiou na Escola de Artes e Oficios de Ferrol e en 1901 trasladouse a Madrid onde ingresou na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, onde coñeceu os irmáns Zubiarre e a José Gutiérrez Solana. As súas primeiras obras (A Victoria de Samotracia e O Deus Baco) seguen as ensinanzas académicas no tratamento técnico e na colocación das escenas. Participou na Exposición Rexional de 1912 con oito lenzos, sete deles paisaxes. O interese pola paisaxe está relacionado co coñecemento da pintura realizada pola denominada Xeración Doente, co descubrimento da pintura inglesa de Turner e Constable, así como coa difusión do modernismo paisaxista de pintores cataláns como Rusiñol e o recoñecemento da pintura de Francisco Lloréns. En 1913 realizou en Ferrol a súa primeira exposición individual na que presentou vinte lenzos paisaxísticos, onde empregou unha pincelada pequena que buscaba o detalle e a minuciosidade, ao mesmo tempo que introducía ruínas ou gando como tema central, mostra dun certo romanticismo cunha visión realista, observable tanto na técnica como no tema. Os seus problemas persoais motivados por unha nai dominante e polo alcohol, fixeron que pintase de forma dispersa e intermitente. Ata a súa morte pintou cadros de execución moi rápida, cando fora un artista moi meticuloso. Ademais de óleos, realizou acuarelas e pinturas murais. As súas acuarelas seguen influencias simbolistas e sobre todo das estampas xaponesas. No Casino de Ferrol realizou en 1925 a decoración do teito da Sala de Conservas onde adaptou temas orientais á vexetación galega. Volveu traballar no casino ferrolán en 1932 e 1935. Foi membro correspondente da Real Academia galega (1928) e numerario da Real Academia de Nuestra Señora del Rosario (1942). Publicou: Sargadelos. Su pasado y su porvenir (1919) e Cerámica de Sargadelos (1922).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Mugardos

  • Deceso