Bello Trompeta, Luis

Bello Trompeta, Luis

Xornalista e político. Estudiou Dereito en Madrid onde traballou como pasante no despacho de Xosé Canalejas Méndez; sen embargo, finalmente se dedicou por completo á política e ao xornalismo. Foi redactor dos diarios El Heraldo de Madrid, El Imparcial, España, El Sol e director de El Liberal de Bilbao e Luz. Tamén fundou revistas como Crítica, Revista de Letras ou Europa, esta última precursora da revista España que, dirixida por Ortega y Gasset, tiña entre os seus colaboradores a Luis Bello, situación que se volveu repetir despois na revista Faro. Xunto cos homes da Xeración de 1914 asinou o manifesto fundacional da Liga de Educación Política. En 1916 foi elixido deputado, cargo que tamén ocupou durante a Segunda República desenvolvendo unha intensa actividade: pertenceu á comisión encargada de redactar a Constitución e presidiu a comisión do Estatuto Catalán. Nesta época tamén foi membro do padroado das misións pedagóxicas. Na súa calidade de xornalista iniciou unha campaña en favor do ensino que realizou visitando as escolas de España para poñer de manifesto o abandono oficial da escola. Como resultado desas visitas publicou (1926-1929) unha serie de artigos regularmente no diario El Sol e que logo se recolleron, en catro volumes, na obra Viaje por las escuelas de España. Sobre as escolas galegas, escribiu trinta e sete traballos compilados en 1973 baixo o título Viaje por las escuelas de Galicia. Defendeu a escola pública e denunciou a precariedade material e pedagóxica das escolas galegas, as máis das veces situadas en locais inapropiados e carentes de toda hixiene. Os seus artigos ademais reflicten o estado social e o nivel cultural do pobo galego de finais do primeiro terzo do século XX. Outras obras da súa autoría son: El tributo a París (1907) e España durante la guerra: política y acción de los alemanes (1918).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Alba de Tormes

  • Deceso

    Lugar : Madrid