Belorado
Municipio da provincia de Burgos, Castela e León, drenado polo río Tirón, da conca do Ebro (2.135 h [1996]). É a cabeceira comarcal da Riojilla, terras que historicamente foron fronteira entre os reinos de Castela e de Navarra, con dominio alterno. A súa economía baséase nas actividades agrícolas e gandeiras, estas últimas especializadas no porcino e ovino. As actividades industriais limítanse á transformación dos seus produtos agropecuarios (industrias alimentarias, da pel e serradoiros). Atravesa a vila o Camiño Francés de peregrinación a Santiago de Compostela, debido á súa situación no paso natural entre o val do Ebro e a Meseta. Hai testemuños dun asentamento da época romana. No s X o primeiro conde de Castela, Fernán González, concedeulle o privilexio de celebrar mercados os luns, costume que aínda se mantén. En 1116 Afonso I o Batallador, Rei de Navarra e Aragón, concedeulle o foro e o privilexio de celebrar feira, que é a máis antiga documentada na historia de España. Fernando, primeiro Rei de Castela, deulle a praza ao Cid como dote ao casar con dona Ximena. Trala morte de Pedro I o Cruel, a quen os veciños de Belorado apoiaron nas loitas dinásticas do s XIV, a vila perdeu o seu carácter de reguengo e pasou a depender do señorío dos condestables de Castela, principiando un período de decadencia que afectou especialmente á súa xudería, que convertera a Belorado nun dos centros financeiros da Castela medieval.