Beltrán Pepio, Vicente

Beltrán Pepio, Vicente

Catedrático de Filoloxía Románica nas universidades de Cádiz e Barcelona. Especialista no mundo da canción cortés e da literatura lírica galego-portuguesa, os seus estudios sobre lírica medieval románica ocupan unha parte fundamental do seu labor investigador. No ámbito da poesía galego-portuguesa, a súa interpretación dos textos permitiu ampliar o mapa xeográfico-histórico desta escola, como se reflicte nas publicacións aparecidas en prestixiosas revistas baixo o título xenérico Tipos y temas trovadorescos. Así mesmo, contribuíu a despexar incógnitas sobre a datación de textos fundamentais, de trobadores como Pero da Ponte ou Afonso X, achegando datos sobre a lírica peninsular e a transpirenaica. Subliñou o carácter simbólico da cantiga de amigo no estudo O cervo do monte a augua volvia: del simbolismo naturalista en la cantiga de amigo (1984) e, o conceptual da de amor, na monografía A cantiga de amor (1995). En Antología de la poesía gallego-portuguesa (1985), escrita en colaboración con Carlos Alvar, dá unha visión xeral de todo o período poético, mentres que noutras publicacións como Canción de mujer, cantiga de amigo (1987), ofrece unha idea da súa particular dedicación aos xéneros amorosos. No que atinxe á poesía castelá publicou La canción de amor en el otoño de la Edad Media (1989) e Jorge Manrique. Edición crítica y anotada (1993). Investigou, ademais, a tipoloxía e xénese dos cancioneiros quinientistas en: La métrica románica, Gonzalo de Berceo, Roman de la Rose, La leyenda de Tristán, Charles d´Orléans e Breviari d´amor, entre outros.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Traiguera, Castelló de la Plana