Belvís, Santa María de
Convento situado en Santiago de Compostela. Foi fundado por Constanza Fernández, viúva de Rodrigo Mariño, quen no ano 1309 doou a metade dunha casa e outros bens aos frades de Bonaval para crear o que sería o primeiro convento de monxas dominicanas de Galicia. A cabeceira da primitiva igrexa realizouse a mediados do s XIV baixo as trazas góticas da arquitectura mendicante. A igrexa e convento actuais son produto dunha reconstrución iniciada baixo o mecenado do arcebispo Antonio Monroi durante o s XVII, seguindo planos do monxe beneditino frei Gabriel de Casas, que dirixiu a construción da fachada da portería e a á oeste do convento (1700-1709). En 1737 reedificouse a Capela da Virxe do Portal, construción anexa levantada en 1694 grazas ás esmolas dos fieis. No altar maior desta capela consérvase unha talla da Virxe co neno do s XIV, salientable pola súa tipoloxía escultórica achegada aos modelos franceses. A igrexa conventual demoleuse en 1725, data na que se iniciou a construción da actual igrexa barroca. Esta presenta unha planta de cruz latina rematada cunha cúpula no cruceiro, obra de Fernando de Casas Novoa. No interior destaca o retablo maior, obra do escultor Bartolomé Fernández. Aló polo 1750, frei Manuel de los Mártires foi o encargado de rematar o conxunto conventual levantando varios tramos do claustro e o refectorio.