Bélxica

Bélxica
Nome científico: [nome oficial: Reino de Bélxica; fr: Royaume de Belgique; neerl: Koninkrijk België]

Estado de Europa Occidental limitado polos Países Baixos ao N e NL, por Luxemburgo e Alemaña ao L, por Francia ao SO e polo mar do Norte ao N (30.528 km2; 10.141.000 h [estim 1998]). Esténdese entre os 50°-51° de latitude N e os 3°-6° de lonxitude L. A capital é Bruxelas.
Xeografía física
Bélxica está dividida en tres rexións naturais: a Alta Bélxica, a Bélxica Media e a Baixa Bélxica. A Alta Bélxica, situada ao SL do estado, está constituída polo cordal das Ardenas, bloque herciniano erosionado e levantado polos movementos alpinos; cunha altura media que oscila entre os 300 m e os 400 m, ten a súa máxima altura na Bratange, de 694 m de altitude. Ao N da liña que forman os ríos Sambre e Mosa, unha área de sedimentos secundarios e terciarios constitúen a Bélxica Media, de altitude sempre inferior a 200 m. Ao N e ao O desta, está a chaira formada por Kempen e Flandres, cunha altitude media inferior aos 50 m, que constitúe a Baixa Bélxica, nalgún punto preto da costa máis baixa ca o nivel do mar. Non está separada dos Países Baixos por ningún accidente xeográfico natural. Climaticamente, Bélxica está baixo o dominio oceánico. A temperatura media anual na capital, Bruxelas, é duns 10°C, sendo a media de xaneiro 2,2°C e a de xullo 17,8°C. O rexistro de precipitacións medias anuais oscila ao redor dos 1.000 mm (825 mm en Bruxelas). Nas Ardenas, no interior do país, as temperaturas son máis baixas e os rexistros de precipitacións elévanse entre 1.100 mm e 1.400 mm, sendo a miúdo de neve. Desde un punto de vista hidrográfico distínguense tres sectores: a conca do Mosa, co seu afluente principal, o Sambre; a do Escalda, que drena case toda a Bélxica Media e Baixa, e o extremo NO do país, drenado por pequenos ríos que desembocan no Mar do Norte. Hai numerosas canles, entre as que destaca a canle Alberte, que comunica o Mosa co porto de Anveres. A costa é rectilínea e bordeada por un cordón de dunas. O bosque, que se concentra especialmente nas Ardenas, composto por especies como carballos, faias e piñeiros, foi transformado en parte en gándaras e ten turbeiras intercaladas. O 2,5% do territorio son áreas protexidas; sen embargo, ningunha posúe a categoría de Parque Nacional.
Recursos económicos e economía

Agricultura
Malia o seu elevado grao de desenvolvemento tecnolóxico, mecanización e nivel de produtividade, a agricultura ten un peso específico pequeno para o conxunto da economía belga. Dedícaselle o 24% da superficie. É moi próspera na Bélxica Media, especialmente no contorno de Bruxelas. As Ardenas, e en xeneral Valonia, é unha rexión de agricultura pobre, onde predomina a produción de forraxe. Na Baixa Bélxica, o solo foi desecado e convertido en apto para a explotación extensiva. No conxunto da produción do país, destacan os cultivos de remolacha azucreira (5.470.000 Tm en 1997), trigo (1.661.000 Tm), pataca (2.300.000 Tm), cebada (432.000 Tm) e tamén a horticultura. Pola súa parte o sector forestal produciu en 1997 un total de 3.985.000 m3 de madeira, (o bosque abrangue o 21,1% da superficie do país).
Gandería
A gandería acapara a maior porcentaxe da produción agropecuaria. A superficie dedicada a prados e pastos acada o 20,8% do total do país. O armentío bovino está integrado por 3.284.000 cabezas e o porcino por 7.050.000. O bovino ten en conxunto unha orientación dupla, cárnica e láctea, aínda que nas granxas as reses están totalmente especializadas para unha ou outra función. Tamén é importante a produción das granxas avícolas. As explotacións gandeiras teñen, polo xeral, do mesmo xeito ca as agrícolas, un alto grao de mecanización e colaboración cos centros de investigación agrónoma, que se materializa tanto na selección xenética das especies como na elaboración dos pensos máis axeitados para o fomento das características que se desexan potenciar en cada caso. O emprego de todo tipo de inputs chegou a provocar unha situación desastrosa ao descubrirse a presenza de dioxinas nas carnes (de aves e vacún) e nos produtos lácteos belgas, logo de que varias persoas morresen intoxicadas. O 4 de xuño de 1999 a Comisión Europea decidiu retirar do mercado os produtos que contivesen carne, leite ou ovos procedentes de Bélxica. Nesta conxuntura moitos titulares de explotacións gandeiras (pequenos propietarios e traballadores na súa maior parte) caeron na ruína, constituíndo un factor de inestabilidade con inmediatas repercusións políticas.
Minería e enerxía
A extracción de carbón foi a base dunha florecente industria e da potencia económica valona, pero as minas do Borinage, de Kempen e da conca do Sambre-Mosa están case esgotadas. Moitas delas pecharon por mor da escasa rendibilidade, quedando só unha modesta actividade no Kempen. En total, as extraccións de carbón sumaron 218.920 toneladas en 1995. Tamén se explotan algúns xacementos de gas natural. A maior parte da enerxía eléctrica prodúcese en centrais térmicas ou nucleares (nestas últimas os dous tercios do total), aínda que a finais de 1988 o goberno interrompeu indefinidamente o programa de desenvolvemento nuclear, do que fora un dos pioneiros.
Industria

As actividades industriais están moi desenvolvidas e diversificadas. A máis tradicional das ramas da industria é a téxtil (fiado de algodón, liño e la, fibras artificiais) que, concentrada en Gante, Verviers e Malines, quedou relegada a un segundo plano. A siderurxía, agrupada na rexión de Liexa, no Hainaut (Charleroi, La Louvière), en Brabante (Clabecq), na provincia de Luxemburgo (Athus, Halanzy, Musson) e, sobre todo, en Gante (Flandres) é a actividade máis relevante malia a dependencia do exterior para o fornecemento das materias primas. A empresa siderúrxica máis importante é a Cockerill-Sambre. O sector mecánico sobresae na fabricación de automóbiles, especialmente na montaxe de turismos, e de material ferroviario. O sector químico ten tamén moita importancia, producindo amoníaco e caucho sintéticos, ácidos sulfúrico e nítrico, fertilizantes, material fotográfico, produtos farmacéuticos, etc. Desde a década de 1970 desenvolveuse a industria petroquímica. Cómpre mencionar tamén as industrias papeleira e alimentaria. Os sectores eléctrico e electrónico están en auxe.
Transportes e comunicacións
As estradas forman unha das redes viarias máis densas do mundo, con 145.774 km en 1996 (1.674 de autoestradas). A rede ferroviaria tamén é unha das máis densas, con 3.380 km (1997); en xuño de 1996 inaugurouse a liña de alta velocidade París-Bruxelas, que vai prolongarse ata Amsterdam e Colonia; dende 1997 está en servizo a liña Bruxelas-Lille-Londres a través do Eurotúnel baixo o Canal da Mancha. A rede de canles navegables conecta coas concas do Sena e do Rin, e co porto de Rotterdam. A máis importante é a canle Alberte, unha das primeiras do mundo polo tránsito comercial. Entre os portos destacan Anveres, Gante, Bruxas, Ostende e Zeebrugge. Os aeroportos máis importantes de Bélxica están en Bruxelas, Anveres, Ostende, Liexa e Charleroi. SABENA, a compañía estatal de aviación, posúe unha das redes máis espalladas do mundo, operando en destinos dos cinco continentes. O turismo é moi importante, por mor dos atractivos naturais e artísticos do país; en 1996 recibiu 5.829.257 visitantes.
Comercio exterior

A economía belga ten un alto grao de apertura ao exterior, cunha balanza comercial desfavorable, compensada coa de capitais. Os seus principais socios comerciais son os países da Unión Europea, cos que mantén os dous tercios dos intercambios. As principais exportacións (1996) son produtos químicos (25.652 millóns de dólares), automóbiles (24.739 millóns de dólares), maquinaria (21.277 millóns de dólares), pedras preciosas talladas (11.282 millóns de dólares) e, xa con menor volume, combustibles e lubricantes, produtos alimentarios, ferro e aceiro e produtos téxtiles, destinados principalmente a Francia, Alemaña, os Países Baixos e o Reino Unido. Das importacións destacan a maquinaria e o equipamento de transporte, os produtos químicos e os alimentarios. Os principais provedores son Alemaña, os Países Baixos e o Reino Unido.
Economía

Bélxica ten unha renda por habitante de 26.440 dólares (1996), nivel conseguido grazas a unha industrialización comezada a principios do s XIX e baseada no capital comercial, nas minas de carbón e nos metais procedentes das colonias. A grande industrialización e a escaseza de primeiras materias fan que a economía belga dependa en alto grao do exterior, sobre todo dos grandes países europeos. Por este feito, é un dos países que máis interveu nos movementos de unidade europea. En 1921 creouse a Unión Bélxico-luxemburguesa; en 1948 o BENELUX; en 1951 a CECA; en 1957 a EURATOM e o Mercado Común, que estableceu a capital das súas institucións en Bruxelas, e en 1989 formou a Unión Económica de Bélxica e Luxemburgo (UEBL). Ultimamente, o crecemento viuse favorecido polos investimentos estranxeiros. Os bancos controlan unha boa parte da industria, se ben ese control se realiza de xeito indirecto a través de holdings, pois existe unha prohibición legal explícita para os investimentos da banca no sector industrial. Os bancos máis importantes son o Générale de Banque/General Bank, o Banque Bruxelles Lambert e o Kredietbank. Os principais bancos españois (BBVA, BSCH, BANESTO e Banco Popular) operan tamén en Bélxica atraídos pola súa condición no activo mercado europeo. Do mesmo xeito, a súa situación na cerna da Europa Occidental propiciou a localización en Bruxelas tanto da maior parte das institucións comunitarias europeas, como das delegacións principais de numerosas compañías transnacionais que desexan introducirse neste mercado rexional.
Xeografía humana e sociedade

Poboación e poboamento
A densidade media é bastante alta (333 h/km2 en 1997), aínda que se rexistran grandes contrastes no interior do país: mentres a provincia de Luxemburgo apenas supera os 55 h/km2, as provincias da rexión de Flandres teñen unha densidade de 436 h/km2. O crecemento é practicamente nulo, froito duns baixos niveis de natalidade (11,4‰) xunto cunha mortalidade relativamente alta para o contexto europeo (10,2‰) produto do avellentamento da poboación, un dos máis acusados de Europa. A esperanza de vida ao nacer é de 74 anos para os homes e de 80 anos para as mulleres. Hai unha numerosa poboación inmigrante (900.855 persoas), sobre todo de orixe italiana (240.127), marroquí (135.00), francesa (93.363) e turca (87.000). Tamén hai unha importante colonia galega. O grao de urbanización é moi elevado (97% en 1995). As áreas de Bruxelas e Anveres concentran, cada unha, o 10% da poboación. Non obstante , a maioría reside en cidades medias, de menos de 100.000 h, que forman áreas urbanas polinucleares intensamente interrelacionadas por vías de comunicación e transporte. As áreas urbanas organízanse de acordo con dous eixes paralelos de O a L, seguindo os vales fluviais, e polos enlaces entre estas liñas principais con Bruxelas como centro de comunicación entre as diversas áreas. O primeiro eixe, na parte meridional, na rexión valona, enlaza dende Mons ata Liexa, prolongándose cara ao L ata a cidade francesa de Lille. O segundo eixe une Cominas e Anveres con Gante, Bruxas e Ostende, na rexión flamenga. Estas liñas, ademais, coinciden esencialmente coas áreas de desenvolvemento industrial belga: a tradición téxtil flamenga ao N e os xacementos carboníferos e a industria siderúrxica na rexión valona.
Relixión
Un 88% dos belgas decláranse católicos, aínda que moitos non son practicantes. A vitalidade do catolicismo belga manifestouse historicamente nunha forte presenza de misioneiros belgas polo mundo e polo seu activismo social (Xuventudes Obreiras Cristiás, etc); ademais, cómpre salientar a influencia determinante da Universidade Católica de Louvain no Concilio Vaticano II. O 0,4% da poboación son fieis da igrexa reformada (protestantes) e existe unha pequena comunidade xudía de 50.000 membros. O estado subvenciona os lugares de culto de católicos, protestantes e xudeus; sen embargo, mantén á marxe desas axudas os musulmáns, basicamente integrantes das comunidades inmigrantes turca e marroquí, que constitúen o 1,1% da poboación.
Linguas
En 1962-1963 fixouse unha fronteira lingüística que divide o país en catro áreas: flamenga (Flandres Oriental, Flandres Occidental, Anveres, Limburg), valona (Hainaut, Namur, Liexa e Luxemburgo), bilingüe flamenga e valona (Brabante, flamenga ao N e valona ao S, e Bruxelas) e alemá (parte oriental de Liexa). O flamengo, variante do neerlandés, fálano o 60% da poboación; o valón, variante do francés, o 32% e o alemán, o 0,9% (1990). A situación lingüística é moi complexa, xa que conviven tres linguas oficiais: alemán, francés e neerlandés. Por mor de ser Bélxica un Estado federal determínase o uso, a delimitación e oficialidade das linguas a través do principio de territorialidade. En 1990 o Consello da Comunidade francesa de Bélxica votou un decreto que pretendía protexer as linguas rexionais minoritarias e que afecta, por exemplo, ao yiddish falado en Anveres ou ao valón, ao picardo, ao champañés e ao luxemburgués, falados en Valonia. Respecto da minoría de fala alemana, en Bélxica está representada polo BELKOM, que conta con dúas seccións: a xermánica (representa o alemán e o luxemburgués), e a románica (preocúpase das linguas de oïl).
Ensino
Hai dous sistemas educativos: o oficial, a escola secular estatal, e o libre, escola privada xeralmente católica, que recibe subvención estatal. Desde 1963, a lingua vehicular da escola é a da localidade, e en Bruxelas é a lingua materna do neno. Desde 1989 as tres comunidades lingüísticas gozan dunha ampla autonomía no ámbito do ensino. A escolaridade é obrigatoria de 6 a 18 anos. Hai tres cursos de dous anos de duración, cada un de ensino primario. O ensino secundario tamén está dividido en tres ciclos de dous anos cada un. Un exame de madurez abre as portas a calquera carreira superior. Bélxica ten tres universidades estatais (Gante, Mons e Liexa) e catro universidades privadas: Universidade Libre de Bruxelas (flamenga e valona) e a Universidade Católica de Louvain (flamenca e valona); ademais conta con once escolas universitarias.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1997 situaba a Bélxica entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o quinto posto cun índice do 0,923). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 77,2 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 99,0% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 100% e o PNB real por habitante (PPA) é de 22.750 $ USA.
Goberno e administración
Bélxica é unha monarquía constitucional parlamentaria creada pola constitución de 1831. As modificacións de 1970 e 1980 recoñecen a existencia de tres comunidades lingüísticas e a de 1988-1989 dá paso á construción dun estado federal. O Rei é a cabeza do poder executivo e exerce o lexislativo xuntamente co Senado e coa Cámara de Representantes. O Rei designa o primeiro ministro e sanciona e promulga as leis ditadas polas cámaras. O poder lexislativo reside no Senado e na Cámara de Representantes que, dende 1920, teñen as mesmas atribucións e poden ser disoltas ao mesmo tempo ou por separado. A Cámara de Representantes está composta dende 1949 por 212 deputados. O Senado está integrado por 182 membros, dos que 106 son elixidos por sufraxio universal, 50 polos consellos provinciais, 25 polos senadores escollidos e o escano restante corresponde ao herdeiro da coroa. Todos os cargos parlamentarios son elixidos por catro anos. O sistema xudicial é de tipo europeo continental. Bélxica acepta con reservas a xurisdición da Corte internacional de Xustiza. Non está prevista a pena de morte, abolida formalmente en 1991. Amnistía Internacional presentou varias denuncias segundo as cales, en 1993 membros das forzas armadas belgas torturaran e maltrataran a somalís, entre eles nenos, mentres participaban na operación multinacional de mantemento da paz autorizada pola ONU en Somalia. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Segundo Protocolo Facultativo do PIDCP relativo á abolición da pena de morte, asinado pero aínda non ratificado; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención contra a Tortura e outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanas ou Degradantes, asinado pero aínda non ratificado; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais (1950), realizando as declaracións previstas no artigo 25 (polo que se recoñece a competencia da Comisión Europea de Dereitos Humanos para examinar denuncias individuais de violacións do Convenio) e no 46 (polo que se recoñece a obrigatoriedade da xurisdición do Tribunal europeo de Dereitos Humanos para todos os asuntos relativos á interpretación e aplicación do Convenio); Convenio Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas ou Tratos, Inhumanos ou Degradantes (1987); Sexto Protocolo do Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais referente á abolición da pena de morte (1983), asinado pero aínda non ratificado. Os partidos políticos máis importantes son o Parti Social Chrétien-Christelijke Volkspartij (PSC ou CVP), demócrata cristián, fundado en 1945 e fortemente arraigado en Flandres e na provincia valona de Luxemburgo; o Parti Socialiste Belge-Belgische Sozialistische Partij (PSB ou BSP), fundado en 1885; o Parti Réformateur Libéral-Partij voor Vrijheid en Vooruitgang (PRL ou PVV), liberal, fundado respectivamente en 1979 e 1961; e os partidos nacionalistas flamenco (Volksunie [VU], fundado en 1954) e valón (Rassemblement Wallon [RW], fundado en 1968, e Front Démocratique Francophone [FDF], fundado en 1964, en coalición desde 1968). Forma parte destes organismos internacionais: Benelux, Consello de Europa, OCDE, ONU, OTAN, Unión Europea e Unión da Europa Occidental.
Historia
Os territorios, actualmente denominados Bélxica, estaban poboados na Antigüidade por tribos de orixe celta e xermánica. Conquistada por César no ano 54 a C, recibiu o nome de Galia Bélgica, estendéndose dende o Sena ata o Rin. Foi organizada como provincia polo Emperador Augusto no ano 9 d C, situando a capital provincial en Reims. Posteriormente, foi dividida en catro provincias e recibiu grupos de colonos romanos que desenvolveron explotacións de gando ovino e porcino, e unha agricultura de base cerealista. Sucesivas crises no limes do Imperio Romano facilitaron o paso dos pobos xermánicos (ss III-V) que destruíron o norte do país, da outra beira da vía romana de Bavay a Colonia. Esta vía marcaba a orixe da fronteira linguística entre os belgas que falan flamengo (no norte) e e os que falan valón (no sur). Durante o reinado de Clodoveo, os francos procederon á conquista da Galia, mentres que os francos ripuarios, situados na rexión de Colonia, ocupaban os territorios da actual Bélxica. Entre os ss V-IX, formou parte do reino dos francos. Carlomagno dividiu o país en condados, que deron paso ás circunscricións feudais da Idade Media. Polo Tratado de Verdum (843), o país quedou desmembrado entre os reinos da Lotarinxia e Francia. A fracción que pertenceu a Lotarinxia pasou a formar parte do Imperio Xermánico a finais do s IX, quedando como fronteira entre ambas ata o Tratado de Madrid de 1526, o río Escalda. Dende o s XI ata o XV quedou dividido en diversos núcleos feudais, vasalos do Imperio Xermánico e da Coroa de Francia. A comezos do s XV, os duques de Borgoña, coa unificación de todas as provincias belgas nunha coroa, converteron os Países Baixos nun auténtico estado, especialmente durante o ducado de Filipe o Bo. Desta unificación quedou excluído o principado eclesiástico de Liexa. Á morte de Carlos o Temerario, os Países Baixos situáronse na órbita dos Habsburgo polo matrimonio de María de Borgoña con Maximiliano de Habsburgo (1477). No ano 1522, malia a prohibición do edicto do Emperador Carlos I de España, a Reforma protestante estendeuse polos Países Baixos do Norte. Posteriormente, no 1568, durante o goberno de Filipe II de España iniciouse a revolta contra o absolutismo español encabezada polos condes de Egmont e de Hornes. Ademais, coincidindo coa revolta calvinista a prol da tolerancia relixiosa, iniciouse a loita polas liberdades políticas. Os estados calvinistas do norte dos Países Baixos proclamaron a secesión e formaron a Unión de Utrecht (1579), que determinou a orixe das Provincias Unidas. Pola súa contra, as provincias católicas do sur, que se afastaron dos intereses dos protestantes, subscribiron a Unión de Arrás (1579) e mantivéronse baixo a dominación española constituíndo un estado semiindependente baixo o goberno dos arquiduques Alberto e Isabel (1598-1621). No s XVII os enfrontamentos de Francia con España precisaron o marco territorial da futura Bélxica. Así, polo Tratado de Münster (1648), produciuse a cesión ás Provincias Unidas do Brabante setentrional e do Flandres zeelandés. Luís XIV, o Rei Sol, ocupou o Artois e Arrás polo Tratado dos Pireneos (1659) e, trala sinatura dos tratados de Aquisgrán (1668) e de Nimega (1678), o Flandres meridional e Cambrai. Ao pasar os Países Baixos da Coroa de Castela á Casa de Austria (Tratado de Utrecht, 1713), a futura Bélxica comprendía os ducados de Brabante co marquesado de Anveres, Limburg, Luxemburgo, Gelderland, os condados de Flandres e de Hainaut, o marquesado de Namur e as vilas de Malines e Tournai. En 1789 os Países Baixos rebeláronse contra a dominación austríaca na denominada Revolución Brabanzona e constituíron unha confederación de Estados belgas unidos. En 1792, logo dunha nova dominación austríaca (1790), as tropas francesas republicanas ocuparon os Países Baixos do sur, onde foron recibidos como liberadores. Esta ocupación consolidaba a anexión a Francia dos Países Baixos austríacos e supuxo cambios na administración e na xustiza, xunto cun rexurdimento económico. Á caída de Napoleón (1814), polo Tratado de Viena (1815) axuntáronse as provincias do S e do N no Reino dos Países Baixos, do que Guillerme I de Orange-Nassau figuraba como soberano. Nos ss XVIII e XIX, os Países Baixos do S industrializáronse grazas ao desenvolvemento do sector téxtil e o da minería do carbón. Non obstante , as diverxencias entre o norte (protestante, comercial e librecambista) e o sur (católico, industrial agrícola e proteccionista) axiña fixeron imposible a unidade dos Países Baixos. Esta nova situación levou á formación de dúas tendencias contra a monarquía de Orange-Nassau, unha liberal, partidaria dun estado burgués, e a outra católica, reivindicante dun estado fortemente influído pola Igrexa. En 1828 uníronse ambas as dúas tendencias e xurdiu o unionismo. En agosto do 1830, como consecuencia da insurrección parisiense, Bruxelas sublevouse, e o 4 de outubro, malia a oposición armada de Guillerme I, as provincias belgas proclamaron a independencia de Bélxica, recoñecida pouco despois pola Conferencia internacional de Londres. O Congreso Nacional redactou unha Constitución de signo liberal, que atribuía ao Parlamento o control do poder real e establecía un réxime electoral censatario. Ofreceuse a Coroa ao Príncipe Leopoldo de Saxonia-Coburgo-Gotha, quen en 1831 principiaba o reinado. Ante a presión de Francia e Inglaterra, Holanda recoñeceu a Bélxica no 1839. Os anos 1834-1838 foron dunha expansión extraordinaria. A mediados do 1840 finalizou o unionismo, alternándose no poder liberais e católicos. O reinado de Leopoldo II (1865-1909) estivo dominado pola disputa sobre a confesionalidade no ensino e a loita polo sufraxio universal, conseguido en 1893, ben que con certas limitacións. Por outra banda, a declaración do francés como única lingua oficial motivou unha longa reivindicación dos flamengos, que acadaron a oficialidade do neerlandés (1894). Leopoldo II meteu o país na carreira colonial no 1876 cando fundou a Asociación Internacional Africana e logo convenceu ao explorador Stanley para que descubrise novos territorios (1879), nos que, como soberano recoñecido no 1885 e baixo o nome de Congo Belga, pasou a exercer violentos métodos de explotación. Entre 1848 e 1884 tivo lugar a consolidación definitiva da industrialización belga, alicerzada na fundación da banca nacional e na abolición dos impostos locais. Logo da Batalla de Sadowa, Napoleón III intentou mercar o Grande Ducado de Luxemburgo en 1869. Trala derrota francesa na Batalla de Sedán, a ameaza cambiou de fronteira pasando á recentemente unificada e fortalecida Alemaña. Este foi o principal problema durante o reinado de Alberte I (1904-1934): malia o Tratado de Neutralidade de 1839, recoñecido por Prusia, o exército alemán ocupou a maior parte de Bélxica en agosto de 1914 e procurou dividir o país aproveitándose do conflito lingüístico. No Tratado de Versailles (1919) abandonou a neutralidade, recibiu os territorios de Eupen e Malmédy, un mandato da Sociedade de Nacións para intervir en Rwanda-Burundi e a promesa do pagamento por Alemaña dos danos da loita. O goberno de Unión Nacional, presidido por Léon Delacroix, elixiu unha Asemblea Constituínte que reformou a Constitución do 1831, establecendo o sufraxio universal masculino. Despois da guerra, a política interior caracterizouse pola formación de gobernos de coalición dos tres grandes partidos: católicos, socialistas e liberais. Os católicos gobernaron formando coalición cos liberais (1921-1925) e despois cos socialistas (1925-1927). A recuperación económica foi lenta e difícil, agravada pola incidencia da crise económica mundial do 1929. Durante o reinado de Leopoldo III (1934-1950), alternaron no poder o partido socialista, liderado de Paul-Henri Spaak, e o partido católico, de van Zeeland, que se esforzaron por solventar os problemas económicos, sociais e lingüísticos. O recoñecemento legal do principio de paridade lingüística entre o flamengo e o francés (1931-1932) supuxo unha distensión no conflito lingüístico. Por eses anos, sobre todo tralo ascenso ao poder do partido nazi alemán, o movemento nazi influíu fondamente na sociedade belga; neste sentido, constituíronse en Flandres o VERDINASO e en Valonia os rexistas (fascistas católicos) de Leon Degrelle que acadaron algúns triunfos electorais en 1936. Nese ano revocouse o pacto militar con Francia, Bélxica volveu á neutralidade e, en 1937, o goberno belga logrou que Alemaña, Francia e o Reino Unido garantisen a integridade do seu territorio; sen embargo, no 1940, a Wehrmacht ocupou Bélxica establecendo un goberno nazi. A raíz deses acontecementos, o monarca marchou ao castelo de Laeken, onde se mantivo catro anos á marxe dos asuntos de estado, aínda que accedeu a entrevistarse con Hitler en Berchtesgaden (novembro de 1940). Durante a ocupación nazi, a poboación dividiuse entre os partidarios da ocupación (os grupos pronazis, como os rexistas) e a resistencia, que se opuxo á ocupación e facilitou a entrada dos aliados no país. Trala liberación de Bélxica (outubro de 1944) polas forzas aliadas, comezou unha intensa polémica ao redor da actitude que mantivera o Rei durante a invasión, o que lle forzou a entregar os poderes ao seu fillo Balduíno I (1950) e a abdicar un ano despois. Bélxica abandonou de novo a súa política de neutralidade en 1948 para integrarse no Benelux (acrónimo de BElgie-NEderland-LUXembourg, os países membros). Nas eleccións do 1950 acadou a maioría o Partido Socialcristián (JVC). En 1959, despois dos acontecementos de Léopoldville, o goberno belga outorgou a independencia ao Congo e, no 1962, concedeulle o fideicomiso de Rwanda-Burundi. A vida política dende a Segunda Guerra Mundial estivo marcada pola cuestión lingüística, á que se engadiu a polarización entre o norte, socialcristián e nacionalista (Volksunie), e o sur, predominantemente socialista. Na rexión de Bruxelas foi onde a situación se fixo máis conflitiva. A partir do 1962 o retroceso demográfico e económico de Valonia fronte a Flandres e a tensión lingüística entre flamengos e valóns, provocou o establecemento de novas disposicións sobre o uso das linguas, marcando o inicio dun proceso de federación que rematou en 1989. Os primeiros pasos deste proceso déronse en 1970, durante o mandato final (1968-1972) de Gaston Eyskens -que fora primeiro ministro en 1949-1950, 1959-1961-, ao constituíren os consellos rexionais económicos e modificarse a Constitución. Léo Tindemans, do Christelije Volkspartij (CVP), continuou a rexionalización á fronte de diversos gobernos de coalición entre o 1974 e o 1978. En 1979 o novo goberno de coalición, presidido por W. Martens tamén do CVP, acordou converter o Estado Belga en semifederal, e no 1980 o Parlamento aprobaba a autonomía rexional para Flandres e Valonia; sen embargo, o problema de Bruxelas quedaba en suspenso. Os desacordos sobre as medidas para afrontar a crise económica forzaron a dimisión de Martens en 1981, que foi sucedido no cargo por Mark Eyskens (CVP) ata as eleccións xerais que se convocaron ese mesmo ano. Novamente no poder o CVP, Martens formou un goberno de coalición de centro-dereita que levou a termo un programa de forte austeridade económica. As eleccións de 1985 confirmaron a Martens e os partidos da coalición gobernamental no poder. No mes de xaneiro de 1984, os cantóns de lingua alemá do territorio de Euoen formaron unha terceira comunidade autónoma. As tensións intercomunitarias e a revolta antiflamenga do cantón de Fourons (de lingua francesa no territorio flamengo) forzaron a convocatoria de novas eleccións no 1987. Os resultados foron un éxito para os socialistas francófonos e un fracaso para os socialcristiáns flamengos, pero despois de longas negociacións, Martens encabezou un novo goberno de coalición entre socialcristiáns, socialistas e nacionalistas flamengos en 1988. O 12 de xaneiro de 1989 promulgouse a lei que creou a rexión de Bruxelas-capital, última etapa da federalización. O Rei Balduíno desatou un conflito constitucional ao negarse a sancionar a lei que despenalizaba o aborto (4.4.1990), superado posteriormente mediante unha renuncia ao trono durante 36 horas. A cuestión lingüística rachou novamente a coalición, de xeito que tiveron que convocarse novas eleccións xerais o 24 de novembro de 1991, que se caracterizaron por un avance da extrema dereita xenófoba e dos ecoloxistas, e por un retroceso dos partidos tradicionais. O primeiro ministro, o socialcristián Jean-Luc Dehaene, formou goberno co apoio dos socialcristiáns e socialistas das dúas comunidades. Durante esa lexislatura completouse o proceso de federalización (1993) e tomáronse medidas para reducir o déficit orzamentario. Cada unha das rexións federais obtivo o control dun 40% do gasto para asuntos da súa competencia: educación, cultura, saúde, economía e política laboral, tendo incluso competencias para asinar acordos internacionais nesas áreas. En xullo de 1993 faleceu repentinamente o Rei Balduíno, que foi sucedido polo seu irmán Alberte II de Liexa. A comezos de 1994, os socialistas francófonos víronse afectados por un caso de corrupción, o cobro ilegal de comisións na compra de helicópteros militares (caso Augusta). Tras varias dimisións, entre elas a do presidente do goberno da Valonia, o socialista Guy Spitaels, as eleccións adiantáronse para o 21 de maio de 1995. A coalición socialcristián-socialista acadou maioría e ratificaron a permanencia no goberno con Jean-Luc Dehaene como primeiro ministro. Ao cumprírense os requisitos incluídos no Tratado de Maastricht, Bélxica formou parte do grupo de once países adscritos á moeda única europea (euro), que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 1999. Nese mesmo ano os escándalos relacionados con problemas na hixiene pública (polos alimentados con pensos contaminados con dioxinas e a presenza de substancias nocivas nunha partida de Coca-Cola), desembocaron nunha nova crise de goberno, que influíu nas eleccions de xuño de 1999. Despois de 40 anos de hexemonía socialcristiá, o goberno pasou ás mans dunha coalición formada por liberais, socialistas e ecoloxistas encabezada por Guy Verhorstadt. O novo goberno propuña medidas que buscaban a austeridade orzamentaria, o equilibrio orzamentario da seguridade social e o desenvolvemento dunha estratexia de privatización das empresas públicas. A crise das dioxinas prolongouse co anuncio en maio do 2000 da contaminación hospitalaria dos virus da hepatite e da inmunodeficiencia humana (VIH) por mor dunha deficiente esterilización do material cirúrxico, provocada polo emprego dun lote de desinfectantes da casa Johnson & Johnson que non acadaba os niveis de principios activos precisos para unha limpeza eficaz.