Bembrive, Santiago de

Bembrive, Santiago de

Igrexa parroquial situada no concello de Vigo. É de estilo románico de finais do s XII ou principios do XIII, xa que no templo hai dúas inscricións, unha de 1185, na que se nomea o posible mestre, Rodericus, e outra de 1223. Aparece mencionada en diferentes documentos: en 915 foi doada á igrexa de Santiago por Ordoño II e dona Elvira, doazón renovada por Afonso V en 1024; en 1196 houbo unha nova doazón de Afonso I de Portugal á diocese de Tui, e en 1179 Fernando I de León fixo doazón a Tui do couto de Bene vivere. Ten unha única nave con ábsida, poligonal ao exterior e semicircular no interior. A nave está dividida en treitos. O acceso ao presbiterio realízase por medio dun arco triunfal de directriz apuntada; no treito recto, a cuberta é unha bóveda de canón apuntada e no semicírculo absidial de esfera. A porta sur está tapiada, mentres que a portada principal está formada por unha dobre arquivolta apuntada.