Bemil, Santa María de

Bemil, Santa María de

Igrexa parroquial situada en Caldas de Reis. De estilo románico, está datada a finais do s XII. Só conserva da antiga fábrica medieval a ábsida, o rosetón da fachada occidental e un treito do muro sur. Consta dunha nave, reconstruída en gran parte, e ábsida semicircular precedida dun tramo recto, do que a separa un arco faixón, e cuberta por unha bóveda de canón que remata en cuarto de esfera. O hemiciclo está dividido por medio de dúas columnas entregas de basas áticas e capiteis de decoración vexetal. O arco triunfal presenta un aspecto case de ferradura. Polo exterior da ábsida destaca unha fiestra con arco de medio punto sostido por columnas. Na fachada principal hai un rosetón posterior e no muro meridional ábrese unha porta rematada en arco semicircular sostido por dúas columnas, unha delas recuberta e con puntas de diamante nas acanaladuras.