Benalmádena

Benalmádena

Municipio da provincia de Málaga, Andalucía, situado na Costa do Sol, na beira oriental da baía de Fuengirola (27.147 h [1996]). Dende a segunda metade da década dos sesenta, a explotación turística das praias de Arroyo de la Miel, antes un barrio de pescadores, converteu o concello nun centro estival moi concorrido, transformando a súa estrutura socioeconómica e urbanística. A capital municipal, a vila de Benalmádena, está a 2 km do litoral, pero tamén se veu inmersa neste proceso urbanizador. Os principais sectores de actividade son o dos servicios e o da construción.