Benaoján

Benaoján

Municipio da provincia de Málaga, Andalucía, situado na serra de Líbar, na Serranía de Ronda (1.704 h [1996]). Está bañado polo río Guadiaro (ou Guadalevín). A principal actividade económica é a elaboración de embutidos e xamóns curados de porco ibérico, aproveitando as favorables condicións climáticas serranas. Dentro do termo está a cova da Pileta, decorada con pinturas murais paleolíticas. Declarada monumento nacional en 1924, ademais do seu interese arqueolóxico, posúe un gran valor xeolóxico como exemplo de modelado endocárstico. Ten tamén xacementos megalíticos e romanos. A presenza musulmá evidénciase na toponimia: a propia orixe da vila está vinculada á atalaia erixida no lugar polos bérberes para controlar o territorio. Trala conquista de Ronda polos casteláns pasou ao señorío do conde de Benavente. A expulsión dos mouriscos en 1570 desencadeou o esmorecemento económico da vila, malia a repoboación con colonos cristiáns procedentes de Castela.