Benavente
Municipio da provincia de Zamora, Castela e León (16.055 h [1996]). Situado na confluencia dos ríos Órbigo e Esla, o termo aséntase sobre a ampla veiga que forman, unha chaira fértil a 750 m de altitude, no límite entre as comarcas naturais da Tierra de Campos, ao L, e os vales do Tera, da Polvorosa, de Valverne e dos Vidriales, ao O. É a cabeceira dunha comarca fundamentalmente agrícola e gandeira, e concentra as industrias alimentarias derivadas do sector agropecuario (fábrica de azucre, leite, fariñas, etc), ademais de moitos servicios (partido xudicial, rexistros, axencia tributaria, centros de ensino primario, secundario e profesional). Eixo de comunicacións, Benavente é o punto onde converxen as autovías que comunican Galicia con Madrid (a Autovía do Noroeste A-6 e a Autovía das Rías Baixas A-52), a estrada nacional N-610, que comunica Palencia co N de Portugal, e a estrada da Ruta da Prata, a nacional N-630, que une Gijón e Sevilla sobre o trazado da antiga vía romana empregada para a exportación dos minerais extraídos das minas do NO peninsular. A comarca de Benavente estaba habitada na época prerromana polo pobo astur dos briguecenses. En 1167 o Rei Fernando II concedeulle carta foral. No ano 1202 celebráronse cortes no seu castelo. En 1230 foi escenario do Convenio de Benavente, a partir do cal se uniron as coroas de León (onde xa estaba integrada Galicia) e Castela na persoa de Fernando III. En 1398, o Rei Enrique III entregou a vila, co título de conde, ao cabaleiro portugués don Xoán Alonso Pimentel. Entre o seu patrimonio monumental destacan o castelo de La Mota, que conserva a torre do Caracol (s XVI), a fachada renacentista do Hospital de La Piedad (fundando no s XVI como albergue de peregrinos), as dúas igrexas románicas (ss XII-XIII) de Santa María del Azogue e de San Juan del Mercado e a ponte medieval sobre o río Esla. A puxanza da súa burguesía comercial a partir do s XIX maniféstase en palacetes como a Casa de Solita ou a Casa del Cervato. A súa situación na encrucillada entre o NO e o S e centro da Península Ibérica, que foi historicamente o principal elemento impulsor da súa economía, acentuou a súa importancia no s XX, debido ao desenvolvemento e mellora dos medios de transporte terrestre (tanto as infraestruturas como os vehículos) e á intensificación do tránsito de mercadorías que propiciou. Para atender este fluxo construíuse un centro loxístico, o Centro de Transportes de Benavente, que nos seus máis de 150.000 m2, acolle servicios de subministros, estacionamento, hostalería e naves para almacenaxe e distribución das mercadorías. As principais empresas de transporte de España establecéronse nel.